O Goberno galego implica a administracións, empresas e cidadanía para loitar contra a ciberdelincuencia

luns, 29 de marzo do 2021 Redacción

O Goberno galego vén de impulsar unha alianza conxunta de traballo para loitar contra a ciberdelincuencia nas administracións, nas empresas e na cidadanía. Segundo engadiu, o prazo para presentar propostas por parte das empresas que soliciten participar nesta iniciativa, achegando propostas de servizos de ciberseguridade, estará aberto até o 27 de abril.
O modelo de colaboración pública-privada na loita contra a ciberdelincuencia plásmase no nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, no que participan a Xunta, as catro deputacións, os concellos a través da FEGAMP, o Goberno central e outras institucións públicas e privadas. A actividade de prevención e loita contra este tipo de delitos concentrarase no Centro de Ciberseguridade de Galicia, que este ano comeza a ser construido na Cidade da Cultura
Como dixemos, até o día 27 de abril está aberto o prazo de presentación de propostas para centralizar a prestación dos servizos de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos en Galicia. Farase a través do acordo marco aprobado polo Consello de Goberno da Xunta o pasado 11 de marzo. O contrato terá un límite de gasto de 8,26 millóns de euros e permitirá “dispoñer deste tipo de servizos no ámbito das administracións públicas: os concellos, as catro deputacións, a Xunta e as universidades”. Tamén posibilitará prestar os servizos aos órganos estatutarios e á cidadanía e empresas, fundamentalmente PEMEs e autónomos.
Ten unha duración inicial de dous anos, que poderán ser ampliados dous máis ata agotar o límite de gasto.
Os servizos divídense en catro lotes: servizos básicos, goberno e xestión da seguridade da información; revisións técnicas para a mellora da seguridade; revisións normativas para a mellora da seguridade e auditorías de certificación de conformidade co ENS por parte de entidade acreditada. Cada un deles poderá ser prestado por unha empresa diferente, polo que os adxudicatarios do Acordo Marco serán un máximo de catro.
Centro de Resposta a Incidentes e Nodo Galego de Ciberseguridade
A Xunta ten xa centralizada a mitigación do impacto dos incidentes de seguridade no ámbito da Administración autonómica no Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade (CSIRT.gal), que funciona dende 2018. O novo contrato permitirá ampliar a prestación de servizos de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos ao resto das administracións e a entidades privadas.
En orixe, o nodo foi o resultado da sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que actuou en representación da Xunta; o Centro Criptolóxico Nacional (CCN); o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), as catro deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias.
Na súa segunda fase, que é na que se atopa na actualidade, o nodo abriuse á incorporación doutras entidades públicas ou privadas relacionadas cos ámbitos do coñecemento e a innovación.
Na actualidade, estáse a desenvolver a oficina de apoio ao nodo CIBER.GAL, cun investimento previsto ata 2023 de 280.000 euros.
Tanto os servizos de ciberseguridade de Galicia como a actividade do CSIRT.gal e do CIBER.gal concentraranse no Centro de Ciberseguridade de Galicia, que comezará a erguerse nos vindeiros meses na Cidade da Cultura. Trátase dunha actuación resultado dun convenio asinado pola AMTEGA e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que suporá un investimento en dous anos (2021 e 2022) de 3,2 millóns de euros.
O centro acollerá os servizos de ciberseguridade á administración xeral da Xunta e ao sector público autonómico, así como os destinados a otras administracións, como concellos ou universidades. Tamén proporcionará atención e información á cidadanía, aos autónomos e ás pemes en materia de seguridade nas TIC. Neste sentido, acollerá actividades de concienciación, formación e promoción do talento en ciberseguridade, apoiará a I+D+i e terá un centro demostrador destas tecnoloxías.
As actuacións de reforzo da ciberseguridade para o periodo 2021-2023 complétase coa posta en marcha dunha campaña de concienciación coa CRTVG na que se buscará tamén o fomento das vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Esta actuación terá un investimento de 600.000 euros.

PUBLICIDADE