O Goberno galego controlará vía satélite as cortas de madeira nos nosos montes

mércores, 16 de marzo do 2022 S. P.

O Goberno galego anunciou este 16 de marzo que vai intensificar o seguimento e a monitoraxe dos traballos forestais a través das máis avanzadas tecnoloxías. En concreto, controlará as talas de madeira nos nosos montes a través do satélite. Así o fixo saber o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, no transcurso dunhas vídeo-xornadas convocadas co gallo do Día Internacional dos Bosques (o 21 de marzo). Estas sesións están centradas na dixitalización e a descarbonización, así como no inventario forestal continuo de Galicia.
Máis polo miúdo, o director xeral anunciou que o seu departamento vén de desenvolver unha ferramenta baseada en teledetección lonxana (Sentinel-2 e/ou outras fontes similares) que posibilita a detección de cortas no territorio galego, é dicir, “que as propias cortas serán controladas vía satélite”, comentou, engadindo que se trata dun proxecto elaborado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Neste contexto, José Luis Chan recordou que en Galicia córtanse ao ano preto de 10 millóns de metros cúbicos de madeira, máis da metade do volume de corta en España, e que o número de solicitudes de corta supera as 55.000 ao ano, dispersas en preto de 85.000 referencias catastrais diferentes e nunha superficie media inferior ás 0,8 hectáreas. Debido a ese volume, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal xa ten operativo un sistema de control de cortas mediante imaxes satélites que posibilitará á Administración forestal coñecer en tempo real cando se producen as cortas.
Segundo comentou, “se ditas cortas non contan co debido permiso administrativo, lánzase automaticamente un aviso aos axentes facultativos medioambientais para que visitan a parcela correspondente e, de ser o caso, levanten acta para iniciar un expediente sancionador”. Esta novidade, dixo, súmase á creación dun repositorio de servizos que permiten automatizar trámites como son as propias solicitudes de cortas de madeira ou a presentación de proxectos de ordenación de montes.
Así mesmo, o director xeral tamén aproveitou para poñer en valor a plataforma dixital FORTRA (Trazabilidade Forestal), creada pola Xunta, para que as empresas poidan informar a clientes e consumidores das características dos seus produtos elaborados a partir de madeira, incluíndo a súa pegada de carbono, así como o bosque do que proceden e as operacións de transformación que foron necesarias para a súa elaboración.

PUBLICIDADE