O Goberno galego confirma o seu compromiso pola televisión a través da Internet

mércores, 6 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Manuel José Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audivisual, destacou o compromiso do Goberno galego co desenvolvemento da televisión por Internet durante a inauguración dun curso organizado polo Máster de Comunicación Empresarial da Universidade da Coruña.
Fernández Iglesias defende que a televisión a través da Rede supón «un gran reto para todos» e explicou que darán continuidade á plataforma televisiva a través da Internet creada co gallo do simposio Pobre Mundo Rico, de xeito que Galicia tería a primeira administración autonómica cunha canle de televisión propia a través da Rede.
O director xeral tamén explicou durante a súa intervención que o modelo de consumo audiovisual está a experimentar «un cambio radical», coa integración de tódalas canles de difusión nunha única pantalla onde converxen os fluxos audiovisuais. Tamén engadiu que a televisión por Internet non supón só unha evolución tecnolóxica, «senón que implica un cambio de cultura fundamental na maneira de facer e de consumir televisión».

PUBLICIDADE