O Goberno galego achega novas liñas de apoio á dixitalización por valor de 16 millóns

xoves, 18 de xuño do 2020 S. P.

O Goberno galego vén de anunciar tres liñas de apoio á transformación tecnolóxica por 16 millóns de euros, co obxectivo de “facilitar a reactivación post-COVID do comercio, dos autónomos e das PEME”. As axudas do programa dos cheques de dixitalización (7 millóns) e de Galicia Exporta Dixital (3,6 millóns) poderanse solicitar a partir deste venres 19. A vindeira semana activarase unha nova convocatoria das axudas á transformación tecnolóxica, dotada con 5,4 millóns de euros. As liñas anunciadas este xoves 18 están co-financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Por obxectivos concretos, mentres o Galicia Exporta Dixital, que por primeira vez tamén se abre ao sector do comercio, promove a súa expansión internacional a través de novas canles de comercialización a partir de ferramentas tecnolóxicas innovadoras, os cheques de dixitalización teñen en conta “de maneira especial” as necesidades do tecido empresarial situado no ámbito rural, a economía social e o impulso do traballo a distancia, segundo informou a Consellería de Economía, impulsora das axudas.
Teletraballo e impulso do rural
Destinado a microempresas, entidades de economía social e agrupacións empresariais, o programa de cheques de dixitalización achegará axudas do 80% dos investimentos realizados por proxectos que teñan como obxecto a integración e posta en marcha de tecnoloxías dixitais para a adaptación á situación provocada pola COVID-19, como o teletraballo, as solucións de conectividade no eido rural, ou sistemas de notificación e de control sanitario e aforo, entre outros mecanismos.
Neste sentido, as axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e os gastos realizados deberán ser dun mínimo de 1500 euros e un máximo de 12.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito.
Internacionalización
No que respecta ao Galicia Exporta Dixital, a convocatoria que se abre conta cunha dotación de 3,6 millóns de euros, que se suman aos 2 millóns de euros da convocatoria anterior tamén activada este ano. Esta nova edición incorpora como novidade destacada que os comercios polo miúdo poderán acollerse ás axudas.
En definitiva, a través desta vertente de apoios, pemes e comerciantes poderán obter recursos de axuda para a realización de diagnósticos de potencial exportador; plans de internacionalización dixital multicanle; plans de mercados electrónicos concretos; a creación e adaptación de tendas en liña e catálogos en liña para a mercadotecnia e as vendas en mercados electrónicos obxectivo ou a adquisición de software específico, entre outros. As axudas, en concorrencia non competitiva, achegarán o 80% dos investimentos realizados e o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 30 de novembro ou ata o esgotamento do crédito.

PUBLICIDADE