O Goberno galego abordará coa nova fase do Plan Senda o expediente xudicial electrónico

xoves, 13 de novembro do 2014 Redacción

O presidente da Xunta en rolda de prensa

O Goberno galego vén de facer reconto do que deron de si os seus esforzos para acadar “unha xustiza máis áxil e próxima ao cidadán”. Ao mesmo tempo, o Executivo deu a coñecer cales serán os seguintes pasos a dar neste eido en concreto. Para situármonos, cómpre lembrar que en 2009 púxose en marcha o Plan de Medidas Urxentes para para dar resposta ás necesidades máis inminentes da xustiza en materia dixital e corrixir “unhas eivas históricas deste ámbito tecnolóxico”. O seguinte paso foi o arranque do Plan Senda 2010-2014, a a folla de ruta para integrar as TIC na Xustiza. “En cinco anos”, informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, “o Goberno galego investiu 23,4 millóns de euros, un 17% achegados pola entidade estatal Red.es e un 5% de fondos europeos, na mellora e renovación do equipamento e das infraestrutura tecnolóxicas, na consolidación dos sistemas de información e na formación dos usuarios nas novas ferramentas TIC”.
Así se recolle no Balance do Plan, presentado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ao Consello da Xunta, este 13 de novembro e cuxos datos reflicten “o gran avance na aplicación da tecnoloxía no ámbito xudicial galego, que permite á Comunidade abordar a implantación do expediente xudicial electrónico”, explicou a Axencia, que engadiu que o expediente “é un dos obxectivos principais do novo Plan Senda 2020, que se está a elaborar e que que se aprobará no primeiro trimestre de 2015”.
Segundo fixo saber a axencia que dirixe Mar Pereira, o orzamento para a modernización da Xustiza o vindeiro ano será de 7,7 millóns de euros (4,2 do convenio asinado con Red.es e os Ministerios de Xustiza e Industria, Enerxía e Turismo) e permitirá “acadar tres obxectivos chave para avanzar cara o expediente xudicial electrónico: a posta en marcha da sede xudicial electrónica, do visor do expediente xudicial electrónico e a xestión de arquivos físicos e pezas de convicción”.
AMTEGA tamén lembrou que as actuacións do Plan Senda lograron dotar ao sistema xudicial galego dunha solución de videoconferencia, xestionada de xeito centralizado, implantada en 60 salas e con 378 usuarios de videoconferencia persoal. Para facérmonos unha idea do seu uso, a axencia sinalou que ao seu abeiro lévanse a cabo até 3.000 videoconferencias ao ano, “que permiten mellorar a organización dos procesos xudiciais, reducindo os tempos de espera e os desprazamentos de profesionais e cidadáns, co custo que isto implica”.
Por outra banda, a axencia tamén recordou que ao abeiro do devandito plan, conseguiuse que a totalidade das 170 salas contaran con sistema de gravación de vistas, unha achega que a Administración autonómica considera “fundamental para a práctica xudicial”, alén de que se trata dunha práctica de obrigado cumprimento (lei 13/2009). Por certo que o sistema eFidelius de gravación de vistas dixital estará operativo nas 113 salas das cidades ao remate de 2014. O eFidelius permite o uso de sinatura electrónica recoñecida o que garante a autenticidade e integridade das gravacións e posibilita a delegación da realización da gravación por parte do secretario xudicial.
Asemade, AMTEGA fixo saber que se completou finalmente a renovación do equipamento ofimático, coa substitución de preto de 2.900 equipos de sobremesa e portátiles, e 850 impresoras. “Na actualidade”, informouse, “a práctica totalidade dos equipos ten menos de 7 anos de antigüidade e preto do 89% menos de 5”. En 2009 só o 37% dos equipos tiñan unha antigüidade inferior a 5 anos.

Núñez Feijoo durante a celebración do Consello da Xunta de hoxe

A maiores, tamén se levou ao seu remate a implantación do Proxecto Kronos que permite que os 2.277 empregados públicos da Administración autonómica e da Xustiza en Galicia dispoñan da tarxeta intelixente que os acredita dixitalmente. No informe da axencia presentado no Consello tamén se recorda a informatización dos 45 Rexistros Civís e os 270 Xulgados de Paz da Comunidade, amais da dixitalización dos libros rexistrais dos 45 partidos xudiciais (máis de 6.700 tomos). A maiores, elaborouse un catálogo de máis de 40 formularios do Rexistro Civil en lingua galega, ao que o cidadán pode acceso desde á web para realizar, entre outras, as solicitudes de cambio de nome polo equivalente en galego; de adecuación do apelido ao galego; de inversión da orde dos apelidos; de cambio de nome polo usado habitualmente; de certificación (de nacemento, matrimonio e/ou defunción).
AMTEGA tamén recorda que en 2011 implantouse o Simelga, un sistema informático de xestión, adaptado ás necesidades específicas dos máis de 100 profesionais que traballan no Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA). Este sistema está integrado co sistema de xestión procesual e leva máis de 77.000 expedientes rexistrados. Igualmente, o departamento que dirixe Mar Pereira salientou a creación dun sistema único centralizado de parellas de feito e a posta en marcha, en setembro de 2013, do portal www.xustiza.es, que albergará a futura sede electrónica do eido xudicial. Entre outras funcionalidades o portal permite a consulta en liña das vistas a través da Axenda de Sinalamento de Vistas e un directorio de órganos, institucións e recursos xudiciais da Comunidade, así como información de interese para calquera persoa que teña que acudir aos tribunais

PUBLICIDADE