O Goberno fixa en 2015 o afianzamento pleno da Administración Electrónica

mércores, 6 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Fálase moito da Administración Electrónica das súas vantaxes pero para algunhas cousas relacionadas con certas tramitacións e procesos de comunicación, para que nos imos a enganar, o tema aínda está un pouco verde. E isto é aplicable tanto ás institucións responsables de darlle o pulo definitivo á dixitalización no seu seo como a nós mesmos, que seguimos ancorados na era dos papeis coma se fosen máis fiables cós documentos dixitais. Para o Ministerio de Industria a cousa semella estar un pouco máis clara, e mesmo ten data para a supresión definitiva do papel neste eido: o ano 2015. Así se fai saber nos obxectivos fixados polo Consello de Ministros para a estratexia do vindeiro lustro do Plan Avanza2, onde tamén se inclúen os seguintes retos: mellora das infraestruturas de telecomunicacións, concienciación sobre o uso e a confianza en Internet e pulo ás novas tecnoloxías en sectores estratéxicos.
Se a primeira etapa do Plan Avanza procura recuperar o retraso de España respecto da Unión Europea, sobre todo en cobertura e conectividade, esta segunda fase pretende situala nunha posición de líder no desenvolvemento e uso de produtos e servizos TIC avanzados”, sinala o Goberno central. Entre as grandes bazas deste ambicioso proxecto atópase, como xa se dixo, a consecución pleno dunha Administración Electrónica que incorpore entre outras cousas a dixitalización de tódolos trámites administrativos, sen excepción, o uso integral do DNI electrónico e a migración de tódolos rexistros ao formato tecnolóxico. Asemade, farase especial fincapé no espallamento das TIC cara á sanidade e no pulo ás tecnoloxías da información nos sectores educativo e formativo.

PUBLICIDADE