O Goberno financia tres novos proxectos de intelixencia artificial nos que participa o CITIC

venres, 28 de outubro do 2022 S. P.

Até tres proxectos nos que participa o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña foron seleccionados pola entidade público-empresarial Red.es (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital) ao abeiro da súa convocatoria para o desenvolvemento da intelixencia artificial e a súa integración nas cadeas de valor. En total, estes tres proxectos beneficiaranse dun financiamento de preto de 1,4 millóns de euros. Trátase de tres iniciativas de investigación centradas nos algoritmos para detectar bacterias en hospitais, na prevención de doenzas profesionais e nos recursos intelixentes de minería de textos para efectuar melloras en vixilancia tecnolóxica. O seu denominador común é, en palabras do CITIC, “a aplicación da IA á optimización de procesos en diferentes ámbitos de impacto económico e social”.
As empresas Bahía Software, Ibersys Seguridad y Salud e Linknovate Science decidiron contar co CITIC como socio tecnolóxico para participar no desenvolvemento dos proxectos. Do total dos fondos recibidos polas compañías a través desta convocatoria, repercutirán no centro de investigación preto de 300.000 euros.
O proxecto GRALENIA, aborda o problema da resistencia a antimicrobianos (AMR) no ámbito hospitalario. O proxecto está impulsado pola compañía Bahía Software en colaboración co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), a Universidade de Murcia e os investigadores principais do CITIC Jesús Vilares Ferro e Carlos Gómez Rodríguez, e co-financiado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital de España, a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial de España, Red.es e polos Fondos Next Generation EU. O obxectivo do proxecto é desenvolver unha plataforma de apoio a decisións clínicas no ámbito da xestión do AMR e as superbacterias. Este sistema empregará técnicas avanzadas de Ial para analizar a información obtida dos bancos de datos dos diversos servizos do hospital. No caso do CITIC, a achega consistirá na análise automática do contido de historias clínicas e outros documentos en formato texto, empregando para iso técnicas de Procesado da Linguaxe Natural. Este proxecto pretende “mellorar os procesos de xestión hospitalaria relacionados co AMR, axudando a deseñar mellores estratexias para a prevención e redución dos seus efectos, ademais do custo en vidas e económico que iso supón”.
O proxecto SMART PRE2, centrado en IA aplicada á predición e prevención de doenzas profesionais, corresponde á compañía Ibsersys Seguridade e Saúde e conta coa colaboración dun equipo de investigadores/as do CITIC liderado por José Luis Calvo Rolle e Óscar Fontenla Romero. O seu obxectivo xeral é a detección de posíbeis alteracións de saúde entre os persoais das empresas mediante o tratamento dos datos dispoñíbeis no historial de recoñecementos médicos e outra información da contorna no que se desenvolve o traballo. Desde o CITIC implementaranse modelos de aprendizaxe automática para a análise dos datos médicos proporcionados pola empresa, e sistemas baseados en coñecemento para dotar de capacidade diagnóstica e explicativa ao sistema. Este tipo de técnicas “proporcionarán un valor engadido para unha xestión máis eficiente e a detección de posíbeis anomalías para os distintos postos profesionais de diferentes empresas”, explicaron fontes do CITIC.
Por último, a compañía Linknovate Science, xunto co IP do centro Javier Parapar López, desenvolverán o proxecto Métodos intelixentes de minería de textos para melloras substanciais de procura en Vixilancia Tecnolóxica. Esta proposta ten a súa orixe no “especial coñecemento no procesado e minería de textos, sistemas de recuperación e información e definición de modelos de clasificación usando representacións densas de documentos”, explicou o CITIC, engadindo que “os investigadores participarán nas tarefas asociadas á clasificación automática de patentes e á extracción e o estruturado intelixente de información”. O equipo do CITIC non só traballará no relativo á definición de modelos formais para as tarefas, senón tamén no deseño das metodoloxías de avaliación e validación das solucións.

PUBLICIDADE