O Goberno español aposta polo dixital como motor da recuperación europea

xoves, 28 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

A cousa non puído ser máis clara para o presidente do Estado español, José Luis Rodríguez Zapatero, na súa primeira comparecencia en Estrasburgo como presidente de quenda da UE: ou as empresas e as institucións se meten de cheo no dixital, creando, comunicándose ou vendendo, ou ben imos ter crise para rato. Así se expresou o xefe do Executivo a semana pasada na súa intervención plenaria no Parlamento Europeo, que lle serviu tamén a Zapatero para afondar na necesidade de convocar ao meirande número de axentes sociais implicados na innovación.
O xefe do Goberno tamén aproveitou para pór de relevo o miúdo alcance que obtiveron algunhas das máis recentes estratexias políticas da UE no obxectivo de facer medrar a economía, estratexias que (sinalou) non puideron nin poderán chegar a bo porto se non se afianza a autoridade da Comisión en cuestións como o mercado dixital, a enerxía, a universidade ou a economía verde.“Ou atacamos o problema enerxético, ou estamos entre os líderes do mercado dixital e a Sociedade da Información ou non teremos a competitividade e o medre que queremos”, puntualizou.
Por certo que o Parlamento Europeo tamén contou os días pasados coa presenza de Miguel Sebastián, ministro de Industria, quen compareceu parente a Comisión de Industria, Investigación e Enerxía para afondar nos obxectivos da Presidencia española nestes eidos.
Entre os pasos a seguir, informa Cibersur.com, cóntase unha nova estratexia para os vindeiros cinco anos chamada Para unha Europa dixital: a Estratexia de Granada. En palabras do propio ministro, trátase dun plan para conseguir (entre outras cousas) que as novas tecnoloxías dean o mellor de si na consecución dun tecido produtivo sostible dende o punto de vista do medio ambiente. Asemade, suporá un pulo para o mercado único dixital, as redes de nova xeración, a superación da segunda fenda dixital e a carta de dereitos dos usuarios. Por outra banda, tamén constituirá un reforzamento das accións encamiñadas a protexer os dereitos de autor na Rede, sinalou o ministro.

PUBLICIDADE