O Goberno escolle a Caixa Galicia para promocionar o uso do DNIe en España

luns, 31 de maio do 2010 Raquel Noya

A entidade bancaria Caixa Galicia é a única caixa de aforros do país que vén de ser escollida polo Ministerio de Industria para promocionar o uso do DNI electrónico entre a cidadanía. O proxecto consiste en informar e promocionar en España o uso do DNIe mediante a difusión das súas vantaxes e a eliminación de barreiras tecnolóxicas asociadas ao seu emprego.
Segundo informan dende o Executivo, a banca por Internet da caixa galega “xa está preparada para poder operar co DNI electrónico, e dende setembro de 2009 as operacións realizadas con este documento incrementáronse nun 267 por cento”.
Asemade, Caixa Galicia é a primeira entidade financieira española que permite a sinatura de contratos para novos clientes mediante o uso do DNIe e agora vén de comprometerse a ampliar o número de servizos aos que o cliente pode acceder mediante o DNIe.
Para isto elaborou un extenso programa de accións divulgativas sobre o uso do DNIe entre as que destacan cursos e seminarios, entrega de lectores e folletos explicativos de DNIe a través das oficinas ou promoción do uso do DNIe no acceso á banca electrónica, contratación en liña, caixeiros e outros servizos.
Nos últimos anos a caixa galega experimentou un crecemento das operacións que se realizan a través de canles tecnolóxicas. De feito, o 63 por cento de todas as operacións realizadas por Caixa Galicia, segundo informan, “fanse por medio de canles tecnolóxicas como Internet, banca electrónica, rede de caixeiros automáticos…, fronte a un 37 por cento que se seguen a realizar nas oficinas”.
Dende a caixa galega aseguran que o investimento en tecnoloxía “é un dos seus eixes estratéxicos”, posto que en 2009 investiu 54,1 millóns de euros en tecnoloxía propia (equipos, instalacións, redes, proxectos informáticos…), un 91 por cento máis que a media do sector das caixas de aforro, que se sitúa nos 23 millóns de euros.
Asemade, nos últimos tres anos, a entidade galega investiu 192 millóns en tecnoloxía e máis de 18 millóns en I+D+i propio.

PUBLICIDADE