O Goberno dotará con Internet de alta velocidade máis de 1.200 inmóbeis de Oleiros

xoves, 18 de novembro do 2021 S. P.

O delegado do Goberno, José Miñones, reiterou este xoves 18 de novembro o compromiso do Executivo central de incrementar a banda larga a disposición dos fogares e empresas dos nosos concellos (ao abeiro do Plan Único). Fíxoo en Oleiros, nunha visita institucional, onde dixo que o programa estatal de extensión de Internet de alta velocidade inclúe actuacións en máis de 1.200 unidades inmobiliarias.
José Miñones mantivo unha reunión co alcalde Angel García, a quen informou da recente aprobación de proxectos de banda larga correspondente a este Plan do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital. En concreto, dixo, “Oleiros está incluído nesta resolución a través de 181 proxectos que permitirán o acceso a Internet de alta velocidade a 1.240 vivendas e empresas do concello”.
Tamén dixo que na provincia da Coruña o Plan Único mobilizará 4,7 millóns de euros cunha achega de 3,5 millóns por parte do Ministerio en 76 concellos e 15.923 familias ou empresas.
Asemade, lembrou que no conxunto de Galicia o Goberno concedeu 30 millóns de euros en axudas a proxectos para levar a Internet de alta velocidade a zonas que carecían deste servizo en 278 concellos de Galicia.
Tal e como recolle a resolución, dixo, Oleiros é un dos concellos de Galicia que máis notará esta aposta do Goberno pola universalización do acceso a Internet e “para evitar que as persoas que elixen vivir en zonas rurais e residenciais como Oleiros, o cal é un privilexio, non se vexan penalizadas con respecto ás urbes con zonas sen acceso a internet de calidade para o teletraballo, o estudo ou o lecer”, engadiu o delegado.

PUBLICIDADE