O Goberno de Ames visitas empresas TIC nos lofts do polígono do Milladoiro

luns, 23 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

A pasada semana o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e o axente municipal de desenvolvemento local, Jorge Couñago, visitaban 10 empresas instaladas nos lofts do Novo Milladoiro, unha rolda de achegamentos que dá continuidade á estadía do rexedor nas dependencias de Tecalis, da que falamos os días pasados dende Código Cero. As empresas visitadas agora polo Goberno municipal foron, entre outras, Ozono (empresa de programadores informáticos que traballan coa Axencia EFE, Meteogalicia, Televisión de Galicia, etc), Kúpula (empresa de construción), Juan Capellá (Economistas- Auditores), Data Center (administración electrónica de distribuidoras) e Orgadata (empresa alemá composta por dous programadores informáticos que traballan en solucións informáticas para o sector do metal).
Asemade, o Concello puido coñecer a actividade de Gonzalo Redondo (deseñador de catamaráns), Fernando Adolfo de Abel Vilela (asesor xurídico para administracións públicas), Intedya (consultora de calidade, medio ambiente e Normas ISO), Zadia Software (programadores informáticos de desenvolvemento de aplicacións web e APP) e Staff Hotel (externalización de servizos para o sector hoteleiro).
A finalidade deste achegamento, segundo o goberno, é o de coñecer as instalacións de ditas empresas, o funcionamento destas entidades relacionadas co eido tecnolóxico, as súas inquedanzas coa meta de aumentar a súa visibilidade. Asemade, téntase favorecer a creación de sinerxías comúns coa Administración local.
Nos vindeiros meses continuarase coa visita a empresas situadas nestes lofts do polígono, das cales o alcalde e a concelleira de Promoción Económica salientan o alto grao de profesionalidade e o nivel das mesmas, que mesmo están a acadar recoñecementos internacionais e premios como o recentemente obtido na Deputación da Coruña pola empresa OpSeeker Tech, galardoada co premio de Mellor Iniciativa Empresarial Nova.

PUBLICIDADE