O Goberno dá marcha atrás nas súas pretensións anti-piratería

xoves, 3 de decembro do 2009 Marcus Fernández

<a href="http://www.flickr.com/photos/jencinar/4154622625/">Imaxe de Jesús Encinar</a> tomada durante a xuntanza no Ministerio de Industria, nun tenso momento no que varios participantes ameazaron con marcharA oposición de milleiros de blogueiros de toda España á posibilidade de que a Lei de Economía Sustentable modificase a LSSI e a LPI para permitir o peche de páxinas web sen intervención xudicial levou ao Ministerio de Cultura a solicitar unha xuntanza cun grupo de persoeiros da Internet involucrados nun popular manifesto que circula pola Rede «en defensa dos dereitos fundamentais na Internet», que tivo lugar esta mañá, cun resultado desalentador, posto que a ministra González-Sinde limitouse a expor as súas intencións ante 14 especialistas da Rede en apenas 20 minutos tras o que marchou argumentando que tiña que acudir a unha inauguración dun museo (comportamento realmente lamentable, se temos en conta que foi Cultura quen convocou a xuntanza). Tras ese momento, os distintos participantes intentaron negociar o texto legal que instaba á creación dunha Comisión da Propiedade Intelectual dedicada a pechar páxinas web que infrinxisen os dereitos de autor, atopándose cunha postura inmobilista por parte dos representantes do Ministerio, que amosaron a súa boa disposición a negociar no mes de xaneiro o regulamento da mencionada Comisión, o que indignou aos presentes, que agardaban unha xuntanza produtiva, e non acudir a un encontro no que intentasen convencelos de cambiar de postura sobre a polémica Lei de Economía Sustentable.
Para máis inri, o encontro foi retransmitido en directo a través de Twitter e Flickr, de xeito que os internautas puideron ver cómo a decepción e o enfado dos participantes reinaba, á vez que continuaba o debate na Rede, medrando a bola de neve formada pola oposición pública ás medidas do Goberno.
Os comentarios eran moi variables, e así Enrique Dans criticaba a falta de vontade de diálogo, Mario Tascón non vía moito futuro ao super-portal de contidos que pretende crear o Goberno para fomentar os contidos legais na Rede, Rosalía Lloret destaca que dende Cultura aseguran que o regulamento que tratará o tema só afectará a páxinas web con música e de pagagamento, pero finalmente a xente sacaba conclusións como a de Marta Manso, que conclúe que «o que asusta é que o Goberno quere crear unha comisión para pechar o que os xuíces non pechan».
Precisamente esta última opinión era compartida polo propio ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, quen pola tarde asegurou tras a súa comparecencia na Comisión de Xustiza do Congreso ante os medios de comunicación que os peches de páxinas web que decida a Comisión da Propiedade Intelectual que pretenden crear deberán pasar por controis posteriores inmediatos, ou sexa, que a autoridade xudicial deberá velar polos dereitos dos cidadáns.


Intervención de Zapatero desautorizando á González-Sinde

Pero a historia non remata aí, e poucas horas despois foi o propio presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, quen tivo que saír ao paso para rexeitar que a posibilidade de que poida bloquearse o acceso a unha páxina web sen intervención xudicial, comentando que a intención do Executivo nunca foi a de violentar os dereitos fundamentais dos cidadáns, argumentando que todo é culpa dunha mala interpretación, no que entendemos que é unha rectificación disimulada, aínda que haberá que ver cómo quedará a partires de agora o anteproxecto no que están a traballar, pois as declaracións que están a facer os políticos durante a xornada de hoxe son, coma mínimo, contraditorias.
De feito, múltiples dirixentes do PSOE amosaron publicamente a súa preocupación polo acontecido, criticando o texto que pretendía aprobarse dentro da Lei de Economía Sustentable, o que tamén fixeron dende o Partido Popular, comentado o seu voceiro, Esteban González Pons que «pechar páxinas web sen autorización, como pretende o Goberno, é secuestro de medios de comunicación».

PUBLICIDADE