O Goberno británico usa tecnoloxía española para mellorar o uso das TIC na educación

luns, 9 de febreiro do 2009 Raquel Noya

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vén de asinar un acordo de colaboración coa Rede de Investigación en Educación do Reino Unido mediante o cal lle cede a este organismo o código fonte e documentación da plataforma de contidos dixitais educativos Agrega para o seu uso no ámbito das TIC aplicadas á educación.
Este acordo permitiralle aos membros da devandita entidade pública británica probar os desenvolvementos da plataforma española no seu propio sistema coa axuda e asesoramento de expertos daquí.
A plataforma Agrega ten como obxectivo mellorar o proceso educativo a través das tecnoloxías da información e a comunicación e ofrécelle tanto aos profesores como aos alumnos e familias, un entorno común de creación e posta en común de aplicacións e contidos dixitais educativos.
Trátase dunha “grande biblioteca virtual” na que os mestres poden crear, buscar e compartir distintos contidos e incluso descargalos para modificalos e adaptalos ás necesidades dos seus alumnos.

PUBLICIDADE