O Goberno aproba a asignación dun múltiplex a cada concesionario de TDT estatal

luns, 19 de xullo do 2010 Raquel Noya

O Consello de Ministros, reunido recentemente para dar conta dos asuntos de Estado que están á orde do día e que lle preocupan á sociedade actual, vén de aprobar un acordo polo que se lle asigna unha canle múltiple dixital de cobertura estatal a cada unha das sociedades concesionarias do servizo de TDT a nivel nacional, tales como Antena 3,Gestevisión Telecinco, Sogecable, Veo Televisión, NET TV e La Sexta.
O múltiplex está integrado por catro canles dixitais de televisión susceptibles de ser explotadas as 24 horas do día.
A asignación prodúcese logo dunha solicitude e unha vez que, producido o cesamento de emisións con tecnoloxía analóxica, se verificou que as sociedades concesionarias do servizo de televisión dixital terrestre cumpriron as obrigas que en materia de impulso e desenvolvemento da televisión dixital terrestre asumiran no marco do Plan Técnico Nacional de Televisión Dixital Terrestre e do Real Decreto polo que se regula a asignación concreta dos múltiplex da televisión dixital terrestre tras o cesamento das emisións da televisión terrestre con tecnoloxía analóxica.
O citado Real Decreto dispón que, con carácter transitorio, cada unha das sociedades concesionarias do servizo público de televisión terrestre de ámbito estatal “accederán á capacidade equivalente dunha canle múltiple dixital de cobertura estatal (catro canles dixitais), distribuída entre dous múltiplex dixitais”. O acceso ao múltiplex definitivo producirase, en todo caso, segundo informan dende o Goberno, antes do 1 de xaneiro de 2015, de acordo coas fases establecidas no Real Decreto.
Con este acordo, o Goberno fai posible que se poñan a disposición da cidadanía un meirande número de canles de televisión e que as operadoras dispoñan de maiores capacidades do expectro radioeléctrico a partir das cales, “disfrutar de maior flexibilidade para emitir novos contidos ou para empregar distintas opcións tecnolóxicas, como a televisión de alta definición (HDTV) ou televisión en 3 dimensións”.

PUBLICIDADE