O Goberno alenta ao fomento das navegacións con sentidiño

martes, 8 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Tal e como anunciamos, hoxe celébrase no mundo o Día Internacional da Internet Segura, e nada mellor para abordalo que tentar facérmonos unha idea do que representa a Rede para os menores de idade, os máis desprotexidos cara as ameazas que hai nestas canles dixitais, por outra banda unha reprodución das que xa había previamente. Non está de máis que teñamos en conta este dato: o Ministerio de Interior contabilizou no seu servizo Plan Contigo (posto en marcha en novembro para asesorar á rapazada en materia de TIC) arredor de 1.500 consultas de menores de idade, das que a maioría estaban ligadas ao ciberacoso e ás suplantacións da identidade. Con estes outros datos (como por exemplo o relativo á participación das novas xeracións na Internet a través do móbil: xa máis da metade dos mozos), o Goberno quere que esta xornada sirva para reflexionar na importancia de axudar aos menores a levar a cabo navegacións con tento.
E máis aínda se pensamos que unha boa parte dos casos de acoso a través da Rede non se dan a coñecer. Así nolo explican dende a Policía Nacional e a Garda Civil: nalgúns dos exemplos de acoso rexistrados, os menores de idade que solicitan axuda non desexan que os seus pais se decaten porque poden ficar sen acceso a Internet.
As cifras, lonxe de diminuír, van a máis. En parte porque a xente que se dedica a roubar, intimidar ou a suplantar identidades está sempre onde hai xente, polo que xa podemos supoñer o que acontece se a cifra de internautas se incrementa, como é o caso.
A isto hai que engadir o uso plenamente estendido das redes sociais, moi afianzadas entre os adolescentes e que semellan presentar a partes iguais vantaxes e carencias, estas últimas relacionadas precisamente coa seguridade. A listaxe de prácticas susceptibles de dar acubillo a internautas con intención de tirar proveito para si mesmos é variada e increméntase co espallamento das redes: sexting (envío de fotos pornográficas), grooming (acoso sexual para conseguir imaxes pornográficas) e ciberacoso en xeral.

PUBLICIDADE