O Goberno achegará 2,8 millóns para impulsar a adaptación do pequeno comercio galego ás TIC

martes, 3 de maio do 2022 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou que o Goberno impulsará a adaptación do comercio de proximidade ás novas tecnoloxías cunha inxección de 2.818.084 euros aprobada este martes 3 de maio polo Consello de Ministros. O delegado sinalaba que esta cantidade é a que corresponde a Galicia da distribución territorial de crédito do Programa de Modernización do Comercio.
O dito programa conta cun investimento de 100 millóns de euros a executar en dous exercicios, 2022 e 2023, para o conxunto de España e forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este fondo axudará ás pequenas e medianas empresas do sector comercial a mellorar a súa estratexia en liña, o modelo de negocio e a experiencia de compra, así como os proxectos para transformar o espazo físico de venda e os proxectos de mellora da eficiencia, a entrega de última milla e a economía circular.
Engadir que será o Ministerio de Industria o que transferirá estes fondos á Xunta, que será a encargada de xestionar e convocar as axudas correspondentes. Estas irán encamiñadas ás PEME do sector comercial, que poderán presentar as súas solicitudes de maneira individual ou a través das súas asociacións de comerciantes.
Sinalar que os criterios de distribución territorial para determinar o importe para cada autonomía foron os seguintes: poboación de dereito; número de locais comerciais de comercio retallista; poboación activa no sector do comercio retallista; dispersión da poboación; insularidade e afastamento.

PUBLICIDADE