O Gaiás fortaleceu a súa vertente TIC en 2023 coa primeira pedra do Centro de Artes Dixitais e con mostras inmersivas
martes, 26 de decembro do 2023
A
Consellería de Cultura e Educación fixo balance da actividade
(presencial e dixital) desenvolvida pola Cidade da Cultura de Galicia
en 2023, un balance no que destacan os máis de 700 eventos e
actividades culturais acubillados (un centenar máis que en 2022)
polo complexo do monte Gaías e a posta en marcha da construción do
Centro Galego de Artes Dixitais.
Segundo
informou a Xunta, “a expansión da actividade explícase pola
transformación do Gaiás impulsada polo Goberno galego, converténdoo
nunha factoría que produce contidos para ser programados non só nas
instalacións da Cidade da Cultura, senón en centros de toda
Galicia, coma acontece co ciclo de exposicións de Cidades no
tempo, no que se organizan mostras en cada unha das sete
principais cidades galegas, así como co seu programa de itinerancias
de contidos dentro e fóra de Galicia.
A
segunda razón que permite comprender esta expansión apunta a unha
maior capacidade do Gaiás (reforzada polo Edificio Fontán) para
organizar nos seus espazos eventos institucionais, empresarias ou
sociais, algúns deles tan relevantes como o Ecofin, a reunión
de ministros de Economía e Finanzas da UE.
En
termos xerais, o Gaiás despide 2023 superando de novo a cifra do
millóns de visitas e, nunha visión más ampla, situándose por riba
dos dez millóns de visitas desde o súa apertura ao público, en
xaneiro de 2011.
Dixitalización
da cultura
Ao
tempo que se iniciou a construción do Centro de Artes Dixitais, en
2023 impulsouse xa o traballo no eido destas tecnoloxías, con
proxectos inmersivos como Hábitats. Natureza estendida, que
esgotou en días as entradas para o Nadal, ou as experiencias
englobadas no Galiverso, proposta que achega o patrimonio á
cidadanía a través de aventuras de Realidade Virtual.
O
Museo Gaiás, con máis de 100.000 visitantes en 2023, converteuse,
en palabras da Xunta, “na principal peza da internacionalización e
a divulgación da cultura galega”. Así, se o ano comezaba con
Camiños creativos, exposición que contou coa participación
dunha trintena de museos europeos, e a itinerancia a París da
exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires,
1950-1970), o mes de decembro remata co anuncio de que o Gaiás será
o único destino en España onde se exhiba a exposición Tesouros
reais. Obras mestras do Museo de Terra Santa, formando parte
Santiago de Compostela dun exclusivo circuíto internacional de só
catro cidades.
O
programa expositivo incluíu Luz na Terra, coa que se
conmemorou o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos,
e a colaboración co CGAC para festexar os seus 30 anos, exhibíndose
por primeira vez xuntas as obra de grandes dimensións da colección
CGAC no Museo Gaiás. Tamén en 2023 puideron contemplarse propostas
como Detrás do espello, exposición que lembraba a
vinculación de Galicia con figuras relevantes da cultura e ciencia
universais, desde Einstein a Hemingway, unha mostra de fotografías
de Nicolás Muller ou a antoloxía do pintor galego José María
Barreiro.