O Gaiás acollerá unha residencia artística para crear videoxogos baseados en obras literarias

martes, 1 de febreiro do 2022 Redacción

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, amplía o programa de Residencias Artísticas no Gaiás á creación dixital e aos videoxogos con COMTECART, promovida en conxunto coa Universidade de Vigo. A iniciativa permitirá a 17 estudantes e egresados recentes da universidade aproveitar os espazos e recursos da Cidade da Cultura para desenvolver proxectos de videoxogos baseados en obras literarias galegas.
A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentou hoxe a convocatoria acompañada do vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e da profesora da Universidade de Vigo, Beatriz Legerén, membro do grupo de innovación educativa COMTECART do que toma o seu nome esta residencia creativa.
Comunicación, tecnoloxía e arte son os tres piares sobre os que asenta esta nova residencia. Tres eidos que forman tamén a base dunha industria cultural, a dos videoxogos, que demanda o traballo en equipo de perfís moi diversos, desde aqueles ligados á enxeñaría de software e á programación ata profesionais da música, a arte, a literatura ou o deseño. Con este premisa, a representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou que a residencia COMTECART convoca o talento do alumnado universitario na Cidade da Cultura para que se coñeza e recoñeza entre si, favorecendo sinerxías que poderán ser o primeiro gromo de novas produtoras de videoxogo galegas.
Neste sentido, a Residencia COMTECART entronca coa aposta pola innovación e a creación dixital recollida no II Plan Estratéxico Cidade da Cultura (2021-2027), que aspira a converter o Gaiás nunha factoría de contidos culturais no que teñen cabida todas as manifestacións da arte e da cultura contemporáneas, entre elas tamén os videoxogos. O futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia ou programa de accións do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que contempla, entre outras, a posta en marcha dunha aceleradora empresarial específica, son tamén mostra do apoio do goberno galego ao sector.

Unha experiencia pioneira en Galicia

As persoas seleccionadas na Residencia COMTECART formarán equipos multidisciplinarios que traballarán de maneira intensiva no Gaiás entre os meses de marzo e abril, baixo a orientación dun equipo de docentes da Universidade de Vigo. Nese tempo terán que completar todas as fases que implica a creación dun videoxogo, desde o concepto inicial ata o deseño de personaxes, narrativas, mecánicas de xogo e programación.
Trátase, segundo explicou a directora xerente da Cidade da Cultura, dunha experiencia pioneira en Galicia que busca achegar os estudantes aos procesos e ritmos de creación cos que se traballa na industria.
Os videoxogos que nacerán desta estadía terán ademais o valor engadido de tomar como base unha obra literaria, establecendo un proveitoso diálogo entre manifestacións diversas da arte e da cultura galegas.
O grupo de innovación educativa COMTECART que pon nome a esta nova residencia artística no Gaiás vén desenvolvendo con éxito experiencias similares dentro da Universidade de Vigo. A colaboración coa Cidade da Cultura supón un salto cualitativo fóra das aulas para o proxecto que lle permitirá aproveitar non só os espazos do complexo do Gaiás, senón a rede de recursos institucionais e relacionais que este pon á súa disposición.
A convocatoria para participar nesta iniciativa está aberta ata o 11 de febreiro. Poderán concorrer á mesma os alumnos matriculados no presente curso en calquera das titulacións de grao e mestrado que oferta a universidade, así como aquelas persoas que obtivesen o seu título no curso 2020-2021.

PUBLICIDADE