O GRUVI recunca cunha nova achega de equipos reciclados para entidades sen arela de lucro

xoves, 12 de maio do 2016 Redacción

A Universidade de Vigo e o seu Grupo de Reciclaxe Informática (GRUVI) seguen adiante co seu compromiso firme a prol das segundas e terceiras vidas para os computadores desbotados ou en desuso procedentes das comunidades universitarias da UVigo e das súas respectivas contornas. Con este fin veñen de abrir unha nova convocatoria para dotar ás asociacións e entidades de lucro que o desexen de equipamentos informáticos usados e postos a punto con ferramentas de software libre. Lembrar que en setembro abriuse o primeiro programa de reciclaxe e doazón e entregáronse máis de vinte, agora, con máis equipos xa recuperados, recibiranse peticións até o vindeiro día 27 de maio.
Da recuperación e actualización dos equipos, procedentes dos tres Campus (Vigo, Pontevedra e Ourense), encárgase o Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo, GRUVI, unha iniciativa posta en marcha no curso 2005-2006 e da que xa se beneficiaron preto de medio millar de entidades. Como dixemos, un dos seus cometidos principais é fomentar a posta en valor de equipos que xa non se empregan: “Tentamos buscarlle segunda vida a material que para determinadas funcións ficou obsoleto pero que pode ser de gran utilidade para cubrir as necesidades de múltiples asociacións benéficas”, sinalan. Os equipos potencialmente útiles recóllense e trasládanse dende os distintos centros até o obradoiro do GRUVI, na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde o material seleccionado para o seu aproveitamento é reparado por un equipo de voluntarios e voluntarias, e con todo o material obtido móntanse equipos novos (PC, impresoras, escáneres, pantallas, ratos, teclados, etc). A mensaxe complementaria de todo este labor é clara: cómpre contrarrestrar, entre todas e todos e a un nivel integral, a tendencia imposta polo gran mercado de renovar a toda costa, e nos prazos máis breves posíbeis, o equipamento TIC que temos ao noso dispor.
Entre as entidades beneficiadas na ultima convocatoria houbo varias asociacións que agrupan a pacientes de diferentes enfermidades (parkinson, trastornos mentais...); colexios, asociacións de nais e pais e asociacións culturais; de loita contra os malos tratos e a prol da igualdade de xénero; escolas de música; asociacións de estudantes, deportivas, de cooperación...

PUBLICIDADE