O GPUL informa do éxito total da súa nova remesa de Labs

mércores, 12 de abril do 2017 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) vén de informar da boa marcha da edición 2017 dos seus GPUL Labs, os obradoiros do Grupo dirixidos a difundir a tecnoloxía libre e a converter a nosa terra nunha factoría open source de desenvolvedores e makers. Segundo informou o GPUL, se ben a edición do ano pasado foi “un éxito rotundo”, a deste ano está a ser “aínda mellor”, con “cheo total” até o de agora en tódalas actividades e un total de uns 160 asistentes nas catro charlas que se desenvolveron ata o momento. Os GPUL Labs, como lembraremos, son unha serie de obradoiros, charlas, e hackathons centrados nas máis punteiras tecnoloxías, sempre software libre, e impartidas por relatores de recoñecido prestixio a nivel galego.
O Grupo lembra a maiores que o éxito acadado polas actuais actividades tamén é aplicábel á cantidade e á calidade das charlas propostas, tendo actualmente pechado un programa dunha actividade semanal até a última semana do mes de xuño. Este programa abranguerá relatores de renome, como por exemplo Rafa Bermúdez, CTO do Grupo Aluman, Carlos Sánchez, membro da Apache Foundation e conferenciante en múltiples eventos internacionais, ou Oscar Miguel Bandín, CTO de Diariomotor entre outros moitos.
Tódalas actividades son de balde e desenvólvense maioritariamente na cidade da Coruña, aínda que este ano tamén se ten planificado que cando menos 3 de elas se leven a cabo en Santiago, "co obxectivo de espallar a filosofía do software libre por outras cidades”. Podemos atopar máis información sobre os GPUL Labs na web labs.gpul.org.

PUBLICIDADE