O GPUL avoga por un sistema investigador galego que desbote a procura de patentes

xoves, 7 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores de Usuarios de Software Libre (GPUL) emitiu os días pasados un comunicado na súa web no que avoga, firmemente, por desbotar a idea de que formalizar patentes tecnolóxicas ou industriais dende as universidades ou os centros de investigación sexa positivo para o desenvolvemento galego. O comunicado, que ten a súa raizame nos parabéns obtidos polo Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) logo da obtención dunha patente en Estados Unidos, ten malia todo amplitude xeral. Para o GPUL, o éxito deste grupo de I+D, que existe e é motivo de orgullo, ten máis que ver co seu traballo e esforzos que co feito de ter obtido unha patente. Isto, informan, é aplicábel a todo.
Ao seu xuízo, “unha patente non é motivo de alegría por ningunha das partes implicadas”. Nin para os gobernos, nin para as axencias de calidade, nin para as universidades ou grupos de investigación. Segundo opinan, "unha universidade ou non pode financiar, directa ou indirectamente, proxectos que logo acaban investidos en pagar os carísimos rexistros de patentes”. A razón disto está no carácter público dunha institución destas características, ao igual cós cartos que achega aos grupos de trabalo. Con todo, tamén fan fincapé nun cambio de estratexia no novo equipo reitoral da Universidade da Coruña, que xa non financia directamente os gastos de solicitude e tramitación de patentes. O GPUL resume así o miolo do seu manifesto, e aclaran a súa proposta: “As patentes matan a innovación, á que se chega mediante investigación e desenvolvemento dunha idea previa; pero se esa investigación non a poden aproveitar outros investigadores de maneira libre para construír novo coñecemento, ¿onde queda a innovación? Un dos piares fundamentais da investigación é a colaboración e as patentes limítana case por completo. Ben é certo que existen maneiras de poñer distintos límites no uso das patentes pero, ¿por que complicar algo tan sinxelo? O coñecemento debe ser libre. Poñerlle portas ó campo nunca foi boa idea”.

PUBLICIDADE