O GPU Hackaton do CESGA e Appentra recunca en marzo

venres, 19 de xaneiro do 2018 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a firma galega Appentra Solutions veñen de anunciar a vindeira celebración da segunda convocatoria do GPU Hackathon na sede do CESGA, en Santiago. A cita, que se vai desenvolver dende o 5 ao 9 de marzo de 2018, terá este ano un marcado cariz internacional, coa vontade de establecer máis pontes entre o noso ámbito innovador avanzado e os do resto do mundo. En palabras do CESGA e Appentra, o GPU Hackathon ten como obxectivo axudar aos científicos e programadores a acelerar a execución das súas aplicacións de simulación científica usando o hardware, o software e a un equipo de mentores expertos en optimización, paralelaxe e execución de programas de simulación.
Ao remate do evento, os participantes disporán dunha nova versión acelerada en GPU ou dunha folla de ruta para alcanzar dito obxectivo. O equipo gañador recibirá unha GeForce GTX 1080Ti, ofrecida por NVIDIA.
Appentra e máis o CESGA tamén lembran que os participantes, novamente, poderán chegar a crear casos de éxito, como aconteceu o ano pasado co equipo que traballa na predición de tsunamis da Universidade de Málaga, EDANYA. Coa colaboración de Appentra e Fernanda Foertter (ORNL) publicaron un artigo de investigación exhibido no SuperComputing17, en Denver, que pasa por ser a cita máis relevante no eido da Computación de Alto Rendemento.
A xornada artellarase nun día de conferencias para “todos os que queiran asistir”, e outras 5 xornadas intensivas de traballo para a optimización da aplicación de simulación científica de cada equipo participante. O prazo de inscrición estará aberto ata o 11 de febreiro e a participación é de balde.
Co fin de acadar a máxima repercusión, o CESGA e Appentra animan aos responsábeis de proxectos científicos a participar e obter “esta formación individualizada tan escasa e necesaria”, que, segundo engaden, “axudaralles a avanzar e aforrar tempo nas súas aplicacións de simulación”.
Como lembraremos, o CESGA (Fundación Publica Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia) é o centro de calculo, comunicacións de altas prestacións e servizos avanzados da Comunidade Científica Galega, Sistema Académico Universitario e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Appentra, pola súa banda é unha spin-off tecnolóxica da Universidade da Coruña fundada en 2012. Ofrece ferramentas de software de alta calidade que permiten un uso extensivo das técnicas de computación de alto rendemento (HPC) en todas as areas de enxeñería, ciencia e industria. Os clientes obxectivo son empresas e organizacións que executan con frecuencia aplicacións informáticas en eidos como o aeroespacial, o automóbil, a enxeñería civil, a biomedicina ou a química.

PUBLICIDADE