O Foro Tecnolóxico de Emprego sumará este ano a participación de empresas do sector sanitario

martes, 30 de xaneiro do 2024 S. P.

Máis empresas, incluíndo, por primeira vez, firmas do sector sanitario. Así será a XXIV edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, a cita que cada ano reúne no Campus de Vigo ás futuras e futuros enxeñeiros co sector empresarial. Será do 5 ao 7 de marzo nas tres escolas de enxeñaría: Industrial, Minas e da Enerxía e Telecomunicación.
“A principal novidade desta edición é o aumento da capacidade, impulsado polo entusiasmo das empresas en participar neste evento e, máis concretamente, a incorporación de numerosas firmas do sector sanitario, cumprindo así coa demanda específica do alumnado do Grao en Enxeñaría Biomédica”, explica Carlota Cañamero, estudante do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación, integrante e coordinadora dun equipo organizador composto por máis de 70 colaboradores, estudantes das tres escolas, dos que 18 exercen como coordinadores das diferentes áreas (infraestruturas, conferencias, tesourería, comunicación, web...).
A pouco máis dun mes para a apertura de portas do foro, xa está pechada a participación das empresas. Serán en total 41 firmas, incluíndo nomes que son fieis ao evento e acoden todos os anos -Borgwarner, Centum, Gradiant, Optare, Cortizo, Televés, Imatia, PwC, Marine Instruments…- e outras que se incorporan este ano, entre elas Naturgy, Navantia, o Grupo Tragsa ou Coren. “Todas elas son líderes tecnolóxicos que abarcan os sectores IT, a construción, o automóbil e o sanitario”, recalca a coordinadora xeral, quen aclara que, a pesar de ampliar oito postos, axiña se acadou a capacidade máxima e tiveron que deixar fóra varias empresas interesadas en participar.
Engadiu que haberá actividades nas tres escolas. Os postos das empresas situaranse nos vestíbulos de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e en Industriais, así como nos corredores que conectan a EEME coa EET. Ademais, “estamos traballando arduamente para concentrar todas as actividades relacionadas cos relatorios, obradoiros e Speed Job Dating na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación”, explica a coordinadora xeral, apuntando xa a ampla variedade de iniciativas que acolle o foro destinadas a facilitar a interacción entre as empresas e os futuros titulados e tituladas do ámbito técnico.
Nos tres días que dura o foro está previsto desde unha recollida de currículos, na que os estudantes poden entregar o seu CV ao persoal de recursos humanos das empresas participantes, ata conferencias ás que todo o mundo pode asistir e informarse sobre o funcionamento das empresas de enxeñaría e os últimos avances de determinados sectores, pasando por obradoiros organizados polas empresas nos que se lle propoñen ao alumnado diferentes retos e actividades para comprobar as súas aptitudes e a súa formación transversal.

PUBLICIDADE