O Foro Tecnolóxico de Emprego abriu as súas portas con 40 empresas tendendo pontes co alumnado

xoves, 5 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

O Foro Tecnolóxico de Emprego, organizado integramente por estudantes da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a Escola de Enxeñería Industrial (todas do Campus de Vigo), arrancou este mércores 4 de marzo cun acto inaugural no que o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, fixo unha reivindicación do talento que se xera nos tres campus da institución e demandou unha aposta firme por retelo en Galicia. O foro alongarase ata o venres pola tarde e abrangue un espazo con postos de preto de 40 empresas nos que se pode entregar currículos, obradoiros, mesas redondas e sesións formativas.
Á fronte da organización está Candela Janeiro, estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que explicou que o evento “resulta de grande interese para o alumnado”, posto que lle achega “unha oportunidade de coñecer a realidade laboral da carreira que estudan e, ao tempo abrir os seus horizontes, non só conseguindo unha oportunidade de traballo, senón tamén coñecendo unha maneira de redirixir os seu estudos e formación cara novas metas ou obxectivos”.
O foro acollerá durante tres días un amplo abano temático de actividades: dende unha feira con postos de empresas instalados no vestíbulo da EE de Minas, pasando por obradoiros, conferencias, mesas redondas e talleres sobre dinámicas de grupo, personal branding, xestión de habilidades, claves para a inserción laboral en diferentes sectores, responsabilidade empresarial ou tamén con presentacións de empresas ou os avances e retos de diferentes sectores tecnolóxicos. En total, están implacadas arredor de 40 firmas de diferentes eidos, como Optare, Deloitte, Brainport, Cortizo, os diferentes colexios profesionais, Indra, Televés, R, Altia, Pescanova ou FINSA, entre outras, son xa veteranas no foro, e a elas súmanse novas incorporacións como o grupo Oesía, GBTec, EGATEL ou PWC.
Este ano introducise a posibilidade de entregar currículos en liña, co fin de axilizar o proceso de procura de emprego, aínda que se deixou operativa a posibilidade de facelo en persoa nos stands. O obxectivo está posto en acadar ou superar as cifras da pasada edición, con 1500 currículos recollidos e unha taxa de éxito moi alta, xa que segundo as enquisas realizadas ao alumnado que participou en 2019, un terzo atopou traballo e preto do 40% recoñece que lle serviu para orientar os seus estudos por recomendacións das empresas.

PUBLICIDADE