O Foro Tecnolóxico de Emprego xuntará en Vigo máis de 30 empresas punteiras á procura de novos talentos

venres, 20 de febreiro do 2015 Redacción

Xa comeza a coller corpo o Foro Tecnolóxico de Emprego (Universidade de Vigo), que se celebra a comezos do mes que vén (do 2 ao 6 de marzo) e para o que xa confirmaron a súa participación máis de 30 empresas. O evento, cuxo “núcleo forte” se celebra na Escola de Minas, centrará unha boa parte do seu programa de actividades en acubillar emprendedores e que estes dean a coñecer os seus proxectos. De feito, haberá unha sección específico para isto. Como lembraremos, o Foro Tecnolóxico de Emprego foi creado hai quince anos polas delegacións de alumnado das escolas técnicas superiores de enxeñaría de Telecomunicación, Industrial e Minas e co obxecto de facilitar o achegamento laboral entre os estudantes que están a piques de rematar e as empresas.
Encargándose da coordinación xeral do encontro atópase Darío Castro, estudante de Enxeñaría Industrial con experiencia na organización das anteriores convocatorias. O seu equipo: un grupo de 70 mozas e mozos procedentes das tres escolas devanditas. Segundo informa, o “núcleo forte” situarase un ano máis no vestíbulo da ETSE de Minas, onde se emprazarán os postos das principais empresas participantes (PSA Peugeot Citroën, BorgWarner, R, Altia...) e nos que se levará a cabo a recollida de currículos, un labor crucial que o ano pasado saldouse con 300 recollidos en cada unha das casetas. Alí, no vestíbulo de Minas, será onde o alumnado teña as mellores oportunidades para establecer contacto cos posíbeis e potenciais contratadores.
Por certo que este ano, segundo informa a Universidade, as ditas empresas compartirán espazo con novas iniciativas emprendedoras, como por exemplo o equipo de UVigo Motorsport, a escudaría formada por alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial, que participará na Formula Student, “a competición universitaria de motor máis importante do mundo”, sinala a institución académica galega, que tamén lembra que estarán presentes os responsábeis da empresa de base tecnolóxica Lupeon 3D, unha firma creada por un grupo de ex alumnos da Universidade de Vigo a principios de 2013 co obxectivo de pór a impresión 3D ao alcance de calquera empresa ou persoa. “O foro serviralles para amosar a un amplo abano de público o tipo de produtos que fan”, salienta Castro.

PUBLICIDADE