O Foro Económico La Galicia que viene remata mañá cunha conferencia sobre a Cidade das TIC a cargo do reitor da UDC

luns, 9 de maio do 2022 S. P.

A antiga Fábrica de Armas da Coruña, futura Cidade das TIC

Será mañá, martes 10 de maio, ás 19:30h cando teña lugar o peche do Foro Económico La Galicia que viene, organizado polo diario dixital El Español, que está a celebrarse no Pazo de Exposicións e Congresos (PALEXCO) da Coruña. O encargado de clausurar o dito evento será o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, quen achegará unha conferencia a xeito de peche deste encontro que daba comezo hoxe con relatores como o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, ou o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, a alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ademais de representantes do sector empresarial. Así, a intervención do reitor da UDC centrarase na Cidade das TIC, e explicará as características deste proxecto que converterán á Coruña nun polo de innovación dixital de referencia nacional e internacional.
Cómpre sinalar que este foro é un eixo para empresas e institucións galegas de cara a analizar as oportunidades dos fondos Next Generation, amais de tratar outros temas de innovación e novas tecnoloxías.
Asemade, mañá martes ás 16:40 horas, a directora do Campus Innova, a profesora da UDC Susana Ladra, participará na mesa redonda Innovación, Intelixencia Artificial e Biotecnoloxía, xunto con Cristina Gil Rey, CEO de Milbrait e embaixadora de Wids Coruña; Desirée Teijeiro, CEO e fundadora de Libera BIO; Antonio Couceiro, presidente de Noso Capital; e María de la Fuente, CEO de Diversa Technologies.
Para as persoas interesadas no evento dicir que se pode seguir en directo a través da ligazón específica.

PUBLICIDADE