O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 apoiou xa máis de 350 iniciativas

xoves, 25 de febreiro do 2021 Redacción

Valentín García, secretario xeral de Política LingüísticaO secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo balance este 25 de febreiro da actividade xerada até o de agora polo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Segundo fixo saber na súa comparecencia no Parlamento, o fondo apoiou xa máis de 350 iniciativas de empresas e profesionais do sector, moitas delas directamente apoiadas directamente nos novos formatos tecnolóxicos de comunicación e difusión.
O representante autonómico lembrou que este repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego púxose en marcha ao abeiro do Plan de Reactivación ao inicio da pandemia. Trátase, tal e como explicou, dunha iniciativa para “mellorar e preservar a actividade e o emprego no ámbito cultural de Galicia”, así como “para xerar contidos de calidade, tanto dixitais coma presenciais, a disposición de toda a cidadanía” e “inxectar liquidez inmediata nas industrias culturais e reforzar as súas estruturas”.
Segundo fixo saber, o éxito desta medida reflíctese no importante interese que espertou no sector, destinando dende a súa posta en marcha (a finais do mes de maio de 2020) 2,5 millóns de euros para apoiar os proxectos de empresas, cooperativas, entidades sen fin de lucro e profesionais autónomos.
Tres modalidades temáticas
Tamén explicou que a meirande parte das iniciativas apoiadas forma parte da modalidade destinada a proxectos musicais, audiovisuais e de artes escénicas, na que se impulsaron 148 proxectos. Esta tamén foi a modalidade a que se destinou un maior orzamento, representando o 43% do total. O eixo temático de dinamización da lingua galega, do patrimonio cultural e proxectos editoriais, literarios e expositivos impulsou a creación de 130 proxectos, dos que máis da metade se desenvolveron de xeito presencial.
Por último, a terceira das modalidades, dirixida ao ámbito xacobeo, turístico, xeográfico, paisaxístico, gastronómico e de usos e costumes sociais contou coa participación de 78 proxectos que se levaron a cabo, na súa meirande parte, a través de medios dixitais.
Valentín García lembrou que todas estas iniciativas deben apostar pola lingua galega e contaron cunha axuda máxima de 10.000 euros no caso de seren empresas, cooperativas e entidades se ánimo de lucro que xeren emprego, ou de 4.000 euros se se trataba de profesionais autónomos.

PUBLICIDADE