O Fondo Tecnolóxico Europeo, a disposición das empresas galegas

luns, 7 de setembro do 2009 Raquel Noya

O vindeiro mércores, 16 de setembro, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, vai acoller a xornada, Colaborar para innovar: as oportunidades do Fondo Tecnolóxico Europeo para Galicia, que organiza a Consellaría de Economía e Industria, como acto central das celebracións do Ano Europeo da Creatividade a da Innovación en Galicia.
A iniciativa ten como principal obxectivo estimular a participación galega nos programas estatais que xestiona o Fondo Tecnolóxico, presentando perante os axentes do Sistema Galego de Innvación, as ferramentas a través das que poden optar a el, así como os servizos de apoio cos que poden contar por parte das administracións.
Asemade, esta xornada, coa que se pretende sensibilizar ao empresariado galego sobre a importancia de cooperar no ámbito da I+D+i, contará coa participación dos principais axentes do Sistema galego de Innovación: universidades, centros tecnolóxicos, organismos públicos de investigación, organismos de intermediación, e incluso empresas, por ter todos eles “un papel protagonista na tarefa de implantar unha nova estratexia común de desenvolvemento económico baseada na I+D+i”.
As persoas interesadas en acudir a este evento, deberán formalizar a súa inscrición, de balde, na sección da Axenda da web da Dirección Xeral de I+D+i, a partir da vindeira semana.

As oportunidades de financiamento a través do Fondo Tecnolóxico
Segundo veñen de anunciar os responsables deste proxecto, a Galicia “correspóndenlle máis de 450 millóns de euros do Fondo Tecnolóxico europeo para o periodo 2007-2013”, que se destinarán, segundo afirman, “a impulsar o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia baseado na investigación e mais na innovación”, por ser este un dos obxectivos prioritarios e transversais que comparten tódalas consellerías da Xunta.
Polo momento, 39 empresas galegas xa se beneficiaron deste financiamento, a maioría delas a través de proxectos xurdidos das plataformas tecnolóxicas galegas, consumindo 8,4 millóns de euros deste fondo.
Xa que logo, o mesmo día terá lugar unha mesa redonda con representantes de cinco proxectos galegos financiados a través de CDTI con cargo ao Fondo Tecnolóxico europeo na que se exporán as características destes para que sirvan como modelo para o resto de entidades que poderían optar á presentación de proxectos. Por outra banda, o programa tamén reserva un espazo para os organismos de intermediación como dinamizadores da I+D+i. Centros e parques tecnolóxicos, redes, clústers, asociacións ou confederacións propician a interacción entre o contorno científico e o tecnolóxico e favorecen as relacións entre axentes.
Por último, desenvolverase unha sesión dirixida a introducir técnicas de innovación nas organizacións a través da creatividade por parte dun representante do proxecto Disonancias, recoñecido pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas no ámbito da creatividade e da innovación. Este exporá, entre outras cousas, como a través da colaboración entre artistas e axentes do Sistema de I+D+i se chega a novas e diferentes vías de innovación.
O acto de inauguración da devandita xornada contará coa participación do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, e o director xeral do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), Maurici Lucena Betriu.
Co obxectivo de incrementar esta participación, a Consellería de Economía e Industria organiza esta xornada en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

PUBLICIDADE