O Fondo Nacional Suízo estudará os riscos da telefonía móbil para a saúde humana

martes, 13 de febreiro do 2007 Raquel Noya

É a telefonía móbil prexudicial para a saúde? A industria da telefonía mantense teimuda na súa postura de que non hai probas que vinculen o uso dos móbiles con ningunha enfermidade e deféndense con unllas e dentes dos informes que relacionan as ondas sen fíos con diversos males coma tumores cerebrais ou gliomas. O Fondo Nacional Suízo para a Investigación (FNS), grazas a un orzamento de 5 millóns de francos, estudará os posibles riscos que o emprego do teléfono móbil pode carrexar na saúde das persoas.
A investigación, que durará catro anos, comprende once proxectos diferentes para estudar o impacto na saúde dos campos magnéticos que xeran os aparellos electrónicos, principalmente os teléfonos móbiles.
Entre outros aspectos, estudarase en que medida está a poboación exposta á radiación electromagnética, e como esas ondas poden afectar ó material xenético e ás células, así como coñecer os temores existentes entre a poboación suíza en relación ós devanditos aparellos electrónicos.

PUBLICIDADE