O Firefox para móbiles estaría listo a finais de ano

luns, 7 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Semella que á Fundación Mozilla xa non hai quen a alcance na súa carreira co Firefox. Deste xeito, non é de estrañar que arestora collan un pouco máis de corpo as novas sobre unha versión do seu navegador estrela especialmente adaptado para móbiles (novas sobre as que xa falabamos nesta web hai uns cantos meses), coñecido como Mobile Firefox ou Fennec (así se denomina ao pequeno raposo dos desertos de Arabia e Sahara e así se denomina ao código aberto deste desenvolvemento). Segundo vén de manifestar Mitchell Baker (directora xeral de Mozilla), a idea da entidade é presentar esta aplicación a finais deste ano, aínda que non nunha versión definitiva, estando este intre o Fennec dispoñible para smartphones.
O obxectivo da Fundación é –unha vez máis- seguir apostando polo código aberto, accesible para os que queiran traballar sobre el e adaptalo ás súas necesidades. Con todo, o lanzamento do navegador ten un condicionante que non tiña o programa para Internet, o Firefox. Referímonos á necesidade de adaptar o Fennec ás circunstancias de memoria (non moi ampla, polo de agora) de cada tipo de dispositivo móbil.

PUBLICIDADE