O Festival de Webseries de Carballo contará coa presenza dos principais representantes deste novo xénero

mércores, 5 de marzo do 2014 Redacción

Acto de presentación do certame audiovisual organizado polo Concello de Carballo

O Festival de Webseries Carballo Interplay (CIP), do que falamos os días pasados en Código Cero, leva o engadido de “primeiro” por varios motivos. Por unha banda, por ser a edición de apertura dun certame que se prevé que teña unha longa continuidade, e pola outra porque nunca antes viramos por estas e outras terras un evento destas características: un festival que se centrase en promover e amosar unha nova linguaxe-formato que vai dar moito que falar, a linguaxe-formato das webseries. Como lembraremos, o evento celebrarase do 24 ao 27 de abril e repartirá 5.000 euros en galardóns. Ademais, contarase con algúns dos principais representantes (directores, actores, guionistas) deste novo xénero audiovisual tan ligado ás TIC.
O festival, segundo contan os seus responsábeis (o Concello e o equipo de Interplay), emprazará a Carballo como unha das primeiras poboacións do Estado onde se leve a cabo un evento audiovisual destas características. De feito, sinalan que até o de agora non se contaba cunha palestra propia, só seccións de seu.
O festival, en palabras dos promotores, ten “o obxectivo xeral de apostar pola creatividade, a cultura e o desenvolvemento das industrias culturais, aproveitándoo ademais para dar a coñecer Carballo como unha vila dinámica e acolledora”. A fórmula que se vai empregar é a de centrar o obxectivo “no rico caldo creativo que burbulla na Rede”. O certame, que incluirá un amplo programa de actividades (proxeccións, obradoiros, charlas, clases mestras, mesas redondas e actuacións musicais), ten ás súas costas, coordinándoo e promovéndoo, un equipo de mulleres do noso sector do audiovisual, entre as que se atopan Sonia Méndez, directora do CIP, e máis Sandra Lesta, responsábel das actividades paralelas e, á súa vez, unha das pioneiras da nosa terra en apostar por este tipo de formatos (a través da serie en liña Angélica e Roberta).
Segundo contan Sonia e Sandra en Sermos Galiza, o certame acubillará a destacados profesionais no ámbito das webseries a nivel estatal, entre os que se contan David Sáinz e Teresa Segura, de Malviviendo, unha das achegas estatais de meirande éxito; ou Julio Garma, de Freaklances, que amosará Freaklances Project, un proxecto de distribución de webseries que está a xerar moito interese entre seareiros e profesionais. Do obradoiro de balde que se impartirá en marzo encargarase o director galego Javi Camino, da produtora Magnetova, e responsábel á súa vez da webserie El viúdo quiere mimos.

PUBLICIDADE