O Festival de Cans chega ás súas xornadas grandes con estreas, obradoiros, premios e moita retranca

venres, 20 de maio do 2011 Redacción

Serafín Campos, un dos homenaxeados este ano no certame pola súa importante contribución, foto de Fátima R. Sío

A oitava edición do Festival de Cans xa está a pleno rendemento ofrecendo unha xanela festiva ao mellor do noso cinema e, tamén, ao mellorciño da nosa retranca (por moitos motivos, pero principalmente polas semellanzas co festival francés de semellante nome, arestora en marcha, semellanzas que son como baixar ás estrelas do cinema á altura dun galpón, e nunca mellor dito). O certame, que chega este venres e este sábado aos seus dous días grandes, amenceu o venres cunha visita multitudinaria de escolares de diferentes centro do Porriño para introducirse no audiovisual galego da man do director Jorge Coira, dentro da sección Cans de Futuro. Pola tarde, segundo informa a organización (a Asociación Cultural Arela), proxectaranse dúas agardadas longametraxes documentais: Brasil somos nós, dirixida por Robert Bellsolà e protagonizada por Carlos Núñez, e Escuchando al juez Garzón, unha entrevista en profundidade ao maxistrado realizada por Manuel Rivas e dirixida por Isabel Coixet.
Asemade, na xornada de hoxe presentaranse os novos proxectos dos Fillos de Cans, que traen dan a coñecer anacos das súas primeiras longametraxes. Son Nacional VI, de Pela del Álamo; Tralas luces, de Sandra Sánchez, Engurras, de Paco Roca; e Rosario, de Mario Iglesias.
Logo da procesión de chimpíns amenizada por The Turre’’s Band, dará comezo a Noite de estrea, coa presentación dos xurados do festival, das primeiras imaxes do filme Querida Gina, o primeiro filme protagonizado por dous veciños de Cans, e dos making of da edición de 2010, Un festival na estrada, e do proxecto Can Campus, Algo terás que facer. Deseguido, a Asociación Cultural Arela fará entrega do Pedigree’’11 a María Pujalte, que tamén colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas, dos Chimpíns de prata a Roberto Vilar e Serafín Campos e dos premios do concurso de videoclips, coa proxección das pezas gañadoras xunto co videoclip do proxecto Can Campus Las mentiras. Como xa é habitual, o remate da xornada será musical, cun concerto estelar de El Gran Wyoming y los Insolventes e dúas sesións DiscoChimpín, a primeira con Jorge Ilegal e David Morei, de Los Oricios, e a segunda coa actriz Isabel Risco.

Pedigree’’11 e Chimpíns de Prata

A Asociación Cultural Arela entregaralle o premio de honra a María Pujalte este sábado no torreiro de Cans, en recoñecemento pola traxectoria desenvolvida dende os seus comezos no mundo do audiovisual en Galicia. Na noite de mañá farase entrega tamén dos Chimpíns de prata ao actor e presentador Roberto Vilar, de Land Rober, “seguidor incondicional do Festival de Can e gran promotor do certame”; e a Serafín Campos Bargiela (na imaxe), veciño do barrio da Graña, “que colabora dende hai varias edicións levando ao público en chimpín, que é sempre un dos máis chamativos polo esforzo que pon na súa decoración”.

O proxecto Can Campus

Cans Campus é un proxecto coordinado por Oswaldo García, profesor da Facultade de Comunicación de Pontevedra, e Alfonso Pato, director do Festival de Cans. O traballo arrancou no mes de decembro e nel se implicáronse máis de cincuenta persoas entre estudantes, veciños e os músicos do grupo Sinestesia. Titorizaron todo o proceso os realizadores Juan Lesta e Belén Montero, que ao fronte da súa marca SDK traballaron para grupos como Astrud, Fangoria ou La Buena Vida. Como resultado graváronse dúas pezas audiovisuais, o videoclip Las mentiras e o making of de todo o proceso creativo Algo terás que facer, que agora se estrean dentro da programación de mañá.

Programa do sábado 21

Cans (torreiro, salas, leiras e camiños)

9.30h. Ruta da hitoria das inscricións polos camiños de Cans.

11.30h. Estrea de Afectos secundarios, unha selección de pezas inéditas de Fernando León. No Jalpón Friki.

12.00h. Coloquio na leira con Fernando León.

13.15h. Fernando León coloca a súa estrela no Torreiro das Estrelas.

13.30h. Sesión vermú coa Banda Municipal de Música de O Porriño.

15.30h. Procesión de chimpibuses, amenizada por Os Veraneantes.

16.00h. Chegada da procesión ao torreiro de Cans

16.15h. Proxección do videoclip Comebolsas e actuación de Srasrsra no Jaliñeiro con videoclip en tempo real por parte do director Javi Camino. Sala Multiúsos e Jaliñeiro Unplugged.

16.30h. Inicio das proxeccións nas salas: curtas a concurso e Jalpón Friki

17.00h. Miradas de Cans: Proxección do documental de Marcos Nine Radiografía de un autor de tebeos e da mirada de Cans de David Rubín: Can Car Oddisey. Rubín cédelle o testigo de Manuel Rivas. Na Sala Multiusos

17.30h. O realizador Alberto Baamonde presenta o seu proxecto Light Sessions, unha iniciativa singular entre a frescura do directo e a improvisación. Baamonde grava clips nos lugares mais insospeitados, incluso a grupos de talla internacional, que van de Divine Comedy a Fanfarlo. En Cans mostrará o seu proxecto e fará unha “light session” en tempo real, con Eladio y los Seres queridos. Sala Multiusos e Jaliñeiro Unplugged.

18.30h. María Reimóndez e Farruco Castromán presentan o documental Cambia de papel, gravado na India coa ONG Implicadas polo Desenvolvemento. Sala Multiusos.

18.30h. Descarja Jaiteira.

19.00h. Descanso das proxeccións. Antón Reixa coloca a súa estrela no Torreiro das Estrelas.

19.30h. Concerto de Os Tres Trebóns, con Xurxo Souto.

20.30h. Reinicio das proxeccións.

20.30h. Descarja Jaiteira.

21.00h. Estrea mundial do seu videoclip en 3D de “La paz mundial”, de Siniestro Total. Tamén presentarán o making of do seu disco Country & western, chamado Making Country & western e dirixido por Mikel Clemente. Sala Multiusos.

22.00h. Nicolás Pastoriza presenta o seu último proxecto, Té con Nicolás. Fundador de grupos como Los Buzos, La Marabunta, Bromea o qué? ou Ectoplasma, agora Pastoriza presenta unha iniciativa singular: convidar a músicos a tocar na terraza da súa casa. Sala Multiusos e Jaliñeiro.

23.00h. Fin das proxeccións

23.30h. Entrega de premios no torreiro

0.00h. Concerto de Siniestro Total.

2.00h. Sesión DiscoChimpín con os Fabulosos Cubata Focking Brothers

3.00h. Sesión DiscoChimpín no Bar A Escola Vella, con Ricardo de Barreiro.

PUBLICIDADE