O Espazo Ecosocialista esixe meirandes garantías para asegurar o dereito a estarmos nunha Rede plural, diversa e xusta

luns, 4 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

Os integrantes do Espazo Ecosocialista veñen de darnos a coñecer o seu Documento-Declaración dos Dereitos Humanos e principios no ámbito dixital e en Internet, un manifesto de dezaseis páxinas que amosa parella unha fonda reflexión sobre o fenómeno da Sociedade da Información, a súa historia até os nosos días e unha dinámica de preservación dos dereitos fundamentais das persoas que semella ir descendo en calidade a medida que sobe o espallamento da propia sociedade conectada (e tódalas tecnoloxías e aparellos que veñen con ela). Para o Espazo Ecosocialista é importante que as institucións públicas tomen cartas no asunto (asegurando un acceso universal ao coñecemento e que este coñecemento compartido sexa o máis respectuoso posíbel con tódolos integrantes) e emporiso pídelle á Xunta de Galicia que contribúa ao asegurar os dereitos humanos no ámbito dixital.
A agrupación socio-política galega recoñece no seu manifesto como en poucos anos, a Internet converteuse en básica para persoas, comunidades, organizacións, gobernos, en calquera tipo de actividade, amosando unha fonda incidencia na nosa contorna social e un carácter de fenómeno social que ao mesmo tempo esixe que acheguemos “unha regulación propia e especifica, que recoñeza aspectos e valores para todos os actores, ao mesmo tempo que obrigas e responsabilidades”. E engade: “Non será posíbel unha regulación xusta sen ter en conta os valores, xeitos e formas de funcionamento da Internet dende o seu nacemento, non facelo supón non entender nin avaliar a verdadeira importancia do que tratamos, perverter unha realidade social aloxándoa do obxectivo e do interese xeral”. A xuízo do Espazo, chegou o intre de recoñecermos o seu carácter de ben público, asumindo todos os que participamos na Sociedade da Información o noso papel de participantes e construtores da mesma. Cómpre, engade a agrupación, desenvolver unha lexislación propia que, lonxe da inseguridade xurídica da actual lexislación, forneza un marco xusto para todos.
O Documento-Declaración Dereitos Humanos e principios no ámbito dixital e en Internet do Espazo Ecosocialista vén da man da Area de Liberdades e Radicalidade Democrática de Espazo e toma como base a declaración previa da ONU de entender o acceso a Rede como un dereito humano e a Carta de dereitos humanos e principios en internet, desenvolvida pola Dynamic Coalition on internet Rights and Principles. Para o Espazo Ecosocialista, “estamos perante unha actividade e o fenómeno social que supón, establecendo relacións de todo tipo, e de facto dereitos e liberdades que son propias do seu funcionamento dende a súa orixe e que é preciso preservar, asegurar e fomentar”. A declaración aborda diversos aspectos coma o dereito ao acceso, a súa liberdade e seguridade, a non discriminación, o dereito a privacidade e a protección de datos, os dereitos da infancia ou a seguridade. Espazo Ecosocialista dará traslado de dito Informe ao Grupo Parlamentar de AGE para que por medio dunha PNL inste á Xunta de Galicia a demandar a nivel estatal e desenvolver a nivel autonómico, o recoñecemento e protección dos dereitos fundamentais e liberdades públicas no ámbito dixital, nomeadamente na Internet.

PUBLICIDADE