O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo acolleu unha xornada sobre economía sustentábel

xoves, 11 de maio do 2017 Redacción

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, de cuxa inauguración oficial falamos en Código Cero o pasado 27 de marzo, está xa a pleno rendemento fornecendo un punto onde achegar á cidadanía ás novas tecnoloxías e, tamén, un espazo de reflexión e debate arredor destas ferramentas e de todos os temas que lles son lindeiros ás TIC. Por exemplo a actividade económica e produtiva responsábel co social e co medio ambiente, un ámbito que está a atopar nas redes novos xeitos de xuntar forzas, facer fronte común e impulsar mensaxes. Este mércores, sen ir máis lonxe, o Edificio acolleu a xornada aberta Contribuíndo aos obxectivos de desenvolvemento sustentábel a través do consumo responsábel e o comercio xusto.
A concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, foi a encargada de inaugurar o acto, unha cita na que tamén interviron representantes de IDEAS e de Lugo Xusta. Na xuntanza, a edil lembrou os pasos dados ata o de agora para conseguir ser Cidade polo Comercio Xusto, ademais de convidar á cidadanía a practicar un consumo responsábel. Esta xornada, enmarcada dentro da I Semana Intercultural de Lugo organizada polo Concello e o colectivo Lugo Xusta, busca “dar a coñecer experiencias que permitan desenvolver políticas comprometidas co desenvolvemento sostíbel local e mundial, coa arela de favorecer actitudes solidarias entre a cidadanía”. As conferencias desta xornada correron a cargo de David Comet, membro de IDEAS e coordinador da campaña Cidades polo Comercio Xusto, Paula López, da Universidade de Cantabria, Silvana Folgueira, da USC, e Marta Pérez, da asociación Bico de Grao.

PUBLICIDADE