O DicionarioLab inclúe xa procuras na fraseoloxía

martes, 20 de xuño do 2017 Redacción

O DicionarioLab, impulsado pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié para amplificar con participación e e experimentación o radio de alcance do seu Portal das Palabras, segue a ser fonte de novidades. Logo da presentación (en marzo) deste dicionario en aberto que é o DicionarioLab e máis da incorporación da funcionalidade de buscas avanzadas por categorías gramaticais, as entidades impulsoras da ferramenta puxeron en marcha este mes de xuño unha nova opción de procura no que atinxe á fraseoloxía recollida no Dicionario. Como ocorre coas restantes novidades que se van achegando, permitirásenos valorar o seu funcionamento e a súa utilidade e até dar suxestións e opinións sobre elas.
A nova funcionalidade permite que se poidan facer buscas efectivas de formas lingüísticas no conxunto de todas as expresións: rastrexar en que frases, lemas ou expresións aparece unha palabra concreta. Por exemplo, se queremos ver onde figura a palabra “familia”, poderemos atopar fórmulas como “médico de familia”, “libro de familia”, “cabeza de familia”, “familia numerosa” etc. Segundo a RAG, “ofrécese esta posibilidade coa idea de que o Dicionario teña máis opcións que faciliten a consulta e ampliar as súas utilidades”. Para probar a nova función, temos que entrar en DicionarioLab e achegar logo as nosas valoracións persoais.

PUBLICIDADE