O Dicionario de pronuncia da lingua galega amplía os seus contidos en liña

mércores, 23 de outubro do 2013 Redacción

O Dicionario de pronuncia da lingua galega promovido polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Radio Galega, presentou hoxe no Colexio de San Xerome unha edición ampliada e mellorada, nun acto ao que acudiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; quen estivo acompañado polo reitor da USC, Juan Casares Long; o director do ILG, Ernesto González Seoane; e o coordinador do equipo técnico que desenvolveu o proxecto, Xosé Luís Regueira Fernández.
Valentín García salientou que esta ferramenta “supón un referente no tocante á dimensión oral da lingua e, nomeadamente, a prol da mellora da calidade e do prestixio do idioma propio de Galicia nos ámbitos públicos”, resultando de grande utilidade para a aprendizaxe do galego ao ofrecer un modelo oral de referencia e consulta.
A nova versión ampliada e mellorada que se presentou hoxe constitúe un recurso que ofrece en liña o léxico galego contido no dicionario da RAG achegando as transcricións fonéticas e locucións correspondentes a unhas 68.000 formas gravadas. Amais de incorporar as voces máis recentes do dicionario da RAG, o Dicionario de pronuncia da lingua galega recolle xa os 1.000 nomes propios de persoa máis frecuentes, 1.500 apelidos galegos e os nomes de todas as comarcas, concellos e parroquias de Galicia, así como varios centos de nomes de ríos, montes e accidentes costeiros, nunha aplicación informática que permite realizar as buscas por formas fonéticas ou por cadeas de sons. O dicionario engade desta volta voz feminina, a da coñecida xornalista Belén Regueira.

PUBLICIDADE