O Dicionario de Galego de Ir Indo pasará a ser de pagamento en outubro

martes, 21 de setembro do 2010 Marcus Fernández

En abril de 2008 o dicionario de galego de Ir Indo estreou versión web, permitindo a consulta de máis de 65.000 entradas adaptadas ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas do galego aprobadas pola Real Academia Galega en 2003, suplindo unha importante carencia (o dicionario de referencia na web ata tal momento está obsoleto, por acollerse á normativa de 1997) pero sen fuxir de certas polémicas, coma o seu peche temporal a poucos meses do seu nacemento para esixir axudas públicas para este proxecto. Finalmente a editorial responsable desta ferramenta de consulta tomou unha decisión dramática, anunciando que dende outubro o acceso a Digalego.com será de pagamento por unha cota anual de 38,80 euros (19,90 euros a través da súa oferta de lanzamento) o que inclúe o acceso á versión dixital da Enciclopedia Galega Universal (EGU).
Esta medida podería servir para potenciar o financiamento da versión en liña do dicionario de galego de Ir Indo, ou para impulsar o nacemento dunha alternativa de balde, o que estrangularía a publicación de pagamento, de xeito que estamos ante unha situación crítica da que procuraremos seguir o seu desenvolvemento.

PUBLICIDADE