O Día da Muller e da Nena na Ciencia celebrarase na UVigo con múltiples actividades

venres, 7 de febreiro do 2020 Redacción

Este martes 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, unha celebración para visualizar e reivindicar as contribucións femininas na investigación e na tecnoloxía e, tamén, para tirar abaixo os muros que lles impiden ás mozas acceder ás carreiras STEM. Segundo informa a Universidade de Vigo, a xornada vivirase dun “xeito moi especial nos laboratorios das tres escolas de enxeñaría do Campus de Vigo, do CINBIO e máis da ECIMAT”. Nestes espazos, as investigadoras que alí traballan compartirán con máis de 250 alumnas de ESO de diferentes centros da provincia de Pontevedra os moitos motivos para elixiren estudos científicos e tecnolóxicos.
Todas as actividades (obradoiros, conferencias, charlas...) agrúpanse nunhas xornadas bautizadas como Elas fan CienTec 2020 e todas teñen como obxectivo mostrar o traballo das mulleres nestes eidos, crear roles femininos no eido da ciencia e da enxeñaría e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero.
Amais, as celebracións continuarán o día 12 no Campus de Ourense coa III Xornada Exxperimenta en Feminino, que vén con 14 obradoiros prácticos nos que participarán 300 escolares.
A maiores de todas estas actividades nos Campus de Vigo e Ourense, ao longo de todo o mes, 26 investigadoras e un investigador da UVigo acudirán a 29 centros educativos de toda Galicia para ofrecer 41 charlas sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía.
As actividades do ámbito científico vanse concentrar no Centro de Investigacións Biomédicas, CINBIO, e na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, pertencente ao Centro de Investigación Mariña (CIM). No primeiro celebraranse seis obradoiros nos que se abordarán cuestións como a preparación de nanopartículas de ouro, a comprobacións das propiedades ópticas, os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo... Contarase coa presenza de Amelia Verdejo, profesora de Matemáticas na Universidade de Vigo.
No caso do CIM, celebrarase a devandita data cunha conferencia de Alba Sousa, psicóloga especializada en sensibilización e formación en igualdade e violencia de xénero, e cunha visita ás instalacións da ECIMAT guiada polas técnicas que traballan alí.
No ámbito tecnolóxico cada unha das escolas de enxeñaría do campus organizou os seus propios obradoiros. Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación ás actividades xirarán entorno aos videoxogos, o funcionamento de internet e os robots Lego Mindstorm. “Imos repetir os mesmos obradoiros que en edicións pasadas porque a valoración que recibimos dos institutos despois da xornada é moi positiva”, explica a profesora Soledad Torres, coordinadora das actividades neste centro, quen fai fincapé en que o principal é que as rapazas regresen á casa vendo a tecnoloxía “como algo útil para a sociedade, divertido e ao alcance das súas posibilidades”.
Na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía os obradoiros vanse centrar na identificación dos minerais máis comúns; na presentación dos distintos materiais (cerámicos, metálicos, polímeros...) e nunha serie de experiencias prácticas sobre combustión.
En Enxeñería Industrial celebraranse outros tres obradoiros: un sobre termografía infravermella; outro sobre deseño e prototipado e, un terceiro, sobre Open Lab, no que se mostrarán diferentes proxectos de aplicación desta tecnoloxía, entre eles, o monopraza deseñado por UVigoMotorsport.

PUBLICIDADE