O Día da Enxeñaría achéganos en Ferrol ás diferentes facianas da Industria 4.0

luns, 24 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Co novo ano o Campus de Ferrol vai celebrar cunha relevante xornada a importante contribución das enxeñeiras e enxeñeiros a progreso tecnolóxico, científico, cultural e social. Disto trata o Día da Enxeñaría, e tamén de facer vocacións entre adolescentes e romper desigualdades en materia de eleccións formativas. A cita será o 18 de xaneiro a partir das 09:30 horas, no salón Concepción Arenal do Campus de Ferrol. Entre as actividades programadas para este día destacan as visitas aos laboratorios das dúas escolas e ao Museo da Construción Naval. Amais, porase o foco na Industria 4.0 e na robótica, que serán, en boa medida, os grandes piares da xornada.
A celebración vén da man da Escola Politécnica Superior, e a Escola Universitaria Politécnica (EUP), en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña. Un dos grandes obxectivos será mostrar a actividade docente da EPS, que oferta os graos en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais e en Enxeñaría Naval e Oceánica. O centro, ao abeiro da xornada, porá en marcha as seguintes actividades: Buques e ondas: a canle de ensaios hidrodinámicos, Simulación de máquinas e vehículos, Entre rectas e curvas: explorando a xeometría, A mecánica de fluídos, Robótica Autónoma, Espontaneidade de reacción oxidación – redución, Electrodeposición e Rotura de formigón.
Pola súa banda, a Escola Universitaria Politécnica (EUP), centro no que se imparten os graos en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e en Enxeñaría Eléctrica, prevé a visita aos laboratorios de Automatización e de Optimización e Control.
O itinerario programado para os centros de ensino inclúe tamén, aínda que de xeito opcional, unha comida e unha visita, a partires das 16:30 horas, ao Museo da Construción Naval. A maiores, os centros disporán dun servizo de bus dende as cidades da Coruña, Santiago e Lugo.

PUBLICIDADE