O Día da Ciencia na Rúa reunirá na Coruña medio cento de centros educativos de Galicia
martes, 18 de abril do 2023
O
Parque
de Santa Margarida da Coruña acollerá un ano máis a celebración
do Día da Ciencia na Rúa. A cita celebrarase o vindeiro sábado
6 de maio. Os protagonistas principais serán as alumnas, alumnos e
docentes de centros educativos de diversas localidades galegas que
traen as actividades e experiencias que prepararon durante meses para
convidar a cidadanía a descubrir, aprender e xogar coa ciencia e a
tecnoloxía.
Esta
xornada está organizada polo Concello da Coruña, a través dos seus
Museos Científicos, a Asociación de Amigos da Cada das Ciencias e a
Cátedra EMALCSA-UDC, ademais de coa colaboración da Fundación
Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e
Innovación.
Xiroscopios
xigantes, análise de graxas nos alimentos, ilusións ópticas, hotel
de insectos, electricidade con patacas, proxectos de xardinaxe, de
robótica, de domótica, xogos matemáticos, experiencias para ver
como de rápido funcionan as neuronas ou a extracción de ADN dun
plátano son algunhas das moitas actividades que traen 49 centros
educativos da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral,
Coristanco, Ortigueira, Arteixo, Miño, Arzúa, Pontedeume, As
Pontes, Outes, Zas, Poio, Oleiros e Cerceda.
Tamén
participan coas súas achegas divulgativas numerosas entidades e
institucións vinculadas á actividade científica. A Facultade de
Ciencias e a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da
Coruña, a Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións
Avanzadas (CICA), a Cátedra Emalcsa-UDC, o Centro Oceanográfico da
Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña
(INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a Asociación
Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
O
programa inclúe, ademais, moitas outras actividades da man da
Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica
Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva e Gallaecia Viva,
UDCiencia d+i, ademais dun concerto da Banda Municipal da Coruña e
un espectáculo de monólogos científicos da man de Ciencia
Calidade.
Ademais,
os Museos Científicos Coruñeses conmemorarán este día cunha
xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias,
a Domus e o Aquarium Finisterrae. A entrada será gratuíta no seu
horario habitual.