O Demoday do Coworking Dixital CCompostela pon o foco nas claves da comunicación efectiva

mércores, 29 de novembro do 2023 S. P.

O programa de formación do Coworking Dixital CCompostela, financiado nun 80% polos fondos europeos FEDER que xestiona a Fundación INCYDE e nun 20% pola Deputación provincial da Coruña, organizou este mércores 29 de novembro a Xornada Demoday: presenta o teu proxecto co obxectivo de que os emprendedores da área de Santiago aprendesen a expoñer e comunicar as súas propostas de mercado de forma efectiva para captar o interese de investidores ou futuros clientes.
O Demoday presentouse como unha oportunidade para que os emprendedores, startups, perosas autónomas e pemes puidesen exhibir os seus proxectos e poñer a proba as súas habilidades comunicativas e persuasivas para explicar e vender a súa visión de negocio.
Os participantes aprenderon que presentar un proxecto de maneira efectiva “vai máis aló de falar fronte a un público”. De feito, na xornada explicouse que o devandito “implica a capacidade de simplificar ideas complexas, espertar emocións e establecer conexións significativas coa audiencia”. Habilidades fundamentais non só para atraer investimentos, senón tamén para construír relacións sólidas con clientes, socios e empregados.
Os participantes mostraron unha visión xeral do seu modelo de negocio, o mercado no que compiten, os fitos alcanzados e os seus obxectivos futuros. Tras unha exposición de 5 minutos que incluíu demostracións dos seus produtos ou servizos, responderon a unha quenda de preguntas por parte do xurado experto do equipo técnico do Coworking Dixital.
O xurado elaborou unha valoración final e orientación dos puntos que deben reforzar tanto da presentación, como do proxecto en xeral, de modo que estean o mellor preparado para presentar o seu proxecto ante investidores, financiadores, ou clientes.
O Coworking Dixital CCompostela é unha iniciativa da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, financiada a través da Fundación INCYDE das Cámaras de Comercio e da Deputación provincial da Coruña para impulsar a dixitalización de máis de 350 empresas en 2023 cun investimento de 300.000 euros. Forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña e ofrece un espazo colaborativo con equipamento tecnolóxico e programas específicos de acompañamento, incubación e aceleración de empresas e máis de 40 actividades que se realizarán en Santiago e 32 municipios do sur da provincia da Coruña.

PUBLICIDADE