O DNIe poderá empregarse en toda a Unión Europea

martes, 2 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Dende o pasado sábado está en vigor o regulamento eIDAS, norma que recoñece o uso transfronteirizo de sistemas de identificación electrónica (eID) para que os cidadáns e negocios europeos poidan acceder a servizos en liña incluso dende outros países da Unión Europea. Deste xeito, poderiamos facer uso do DNIe para crear unha conta bancaria de xeito remoto, matricularnos nunha escola ou acceder aos nosos rexistros médicos sen ter que persoarnos para a nosa identificación, valéndonos de sistemas de identificación electrónicos.
Os países da Unión deberán aceptar como identificador os documentos electrónicos (DNIe ou pasaporte electrónico) dos diferentes países, procedemento que terían completado en Alemaña e Italia, e que estaría a piques de completarse en Luxemburgo, España, Croacia e Letonia, mentres que países como Bélxica, Portugal ou Reino Unido aínda están nunha fase máis temperá deste proxecto.
Dende a Comisión Europea aseguran que esta medida podería chegar a aforrar a empresas e administracións europeas máis de 11.000 millóns de euros ao ano.

PUBLICIDADE