O Coworking Dixital CCompostela organiza un bootcamp de emprendemento

mércores, 18 de outubro do 2023 S. P.

O programa de formación do Coworking Dixital CCompostela, financiado nun 80% polos fondos europeos FEDER que xestiona a Fundación INCYDE e nun 20% pola Deputación da Coruña, organizará do 23 ao 27 de outubro un bootcamp para impulsar o emprendemento dirixido a emprendedores e startups así como a empresas e autónomos que queiran deseñar novos modelos ou liñas de negocio. Para participar é necesaria inscrición previa na páxina web do espazo de traballo colaborativo.
O bootcamp, que se celebrará de forma presencial en Santiago de Compostela, ten como obxectivo transformar as ideas ou retos dos emprendendores en oportunidades, a través dunha formación intensiva con obradoiros prácticos.
As persoas participantes traballarán nas áreas estratéxicas dun proxecto de emprendemento e descubrirán ferramentas para afrontar a creación e validación de modelos de negocio, o proceso de emprendemento, o prototipado e as distintas ferramentas que achegan as metodoloxías Design Thinking e Lean Startup.
A actividade incluirá tamén formación en estratexias de produto baseadas nos clientes obxectivo, a construción de produtos áxiles para lanzar ao mercado, a análise económica e financeiro da empresa e a procura de financiamento para startups e novos proxectos.
O programa conta con expertos en cada área que ten unha ampla experiencia: Tania Aira (licenciada en Administración e Dirección de Empresas cun Máster en Comercio Exterior, Dirección de Proxectos e Certificación Agile Management), Pablo López (licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña, Ejecutive Máster en Dirección e Administración de Empresas pola Universidade Pontificia de Comillas ICADE ICAI), Roberto Graña (licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais cun Máster en Análise e Xestión de Ciencia e Tecnoloxía e un Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación), Raquel Argibay (licenciada en Administración e Dirección de Empresa cun Máster en Dirección de Comercio Internacional) e Ángeles Gestal (licenciada en CC Económicas, conta con formación en Business Process Management and IT, Dirección e Xestión de Proxectos con Agile e Metodoloxía PMI).

PUBLICIDADE