O Coworking Dixital CCompostela achegou formación TIC a máis de medio milleiro de persoas

mércores, 13 de decembro do 2023 S. P.

O Coworking Dixital CCompostela formou a 580 persoas emprendedoras en habilidades dixitais e impulsou a creación de 9 proxectos empresariais. Estes e outros datos figuran nun balance acabado de presentar pola Cámara de Comercio de Santiago, principal impulsora deste centro de innovación e emprendemento, que tamén asesorou en materia tecnolóxica a 62 empresas ou persoas emprendedoras e organizou 50 xornadas formativas, ao longo de 2023.
As actividades estiveron dirixidas por 18 relatores expertos e contaron coa experiencia de empresas tractoras como Espina e Delfin e CLUN ou startups que naceron da Universidade como Quescrem.
A maiores, a Cámara lembra que este xoves 14 decembro pola mañá celebrarase na súa sede en Santiago o evento Investor Day, onde as persoas emprendedoras e público asistente, recibirán as claves para a procura de financiamento de proxectos, de mans de entidades financeiras e organismos públicos, como A Caixa, Abanca e Unirisco; ademais de contar coa experiencia de éxito da empresa emprendedora Cluber.
O Coworking Dixital CCompostela, financiado nun 80% polos fondos europeos FEDER que xestiona a Fundación INCYDE e nun 20% pola Deputación provincial da Coruña, asesorou e formou a 9 proxectos empresariais (arestora en fase de incubación e aceleración) de áreas como o sector tecnolóxico, o deseño 3D, o turismo, a moda ecolóxica, a venda online de produtos e o acompañamento e atención a persoas.
Rosa Mary Cardeso, secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, destacou que esta iniciativa “demostrou unha clara aposta pola transformación dixital de persoas emprendedoras, pemes e novas firmas innovadoras da comarca de Santiago e logrou o seu obxectivo principal: mellorar a competitividade e incrementar a produtividade das empresas a través do fomento da transformación dixital das pemes e persoas emprendedoras do territorio”.
As xornadas formativas levadas a cabo estiveron dirixidas por 18 relatores expertos en áreas de dixitalización, xestión empresarial, mercadotecnia comunicación ou financiamento e contaron como dixemos con numerosas empresas colaboradoras da contorna, como Espina e Delfin, CLUN, Sacyr ou Quescrem. Participaron tamén empresas e organizacións do sector financeiro como Abanca, A Caixa ou Unirisco e empresas tecnolóxicas como Wapping, MIP Tencología, HRscout ou Cluber.
En 2023 o Coworking Dixital CCompostela organizou 2 bootcamps formativos de emprendemento centrados na planificación da posta en marcha e éxito comercial, técnico e financeiro de proxectos, con metodoloxías innovadoras como lean startup e design thinking. Celebráronse 2 eventos de innovación aberta e co-creación para alcanzar solucións innovadoras a retos empresariais reais, levados a cabo coa colaboración das empresas Clun, Espina & Delfin, Quescrem e Implicatum Consultoría.

PUBLICIDADE