O Corunna Innovate Summit converterá á cidade herculina na capital da revolución tecnolóxica

xoves, 19 de maio do 2022 S. P.

Segue adiante o proceso iniciado por diversas institucións, organizacións e empresas para converter A Coruña na capital europea do desenvolvemento tecnolóxico, un proceso certificado e referendado coa creación (xa definitivamente en marcha) da Cidade das TIC. Esta semana a consultora DataSpartan sumou forzas a este cometido e anunciou que a cidade acollerá os días 16 e 17 de xuño un evento de gran importancia tecnolóxica e estratéxica: o Corunna Innovate Summit. Nel participarán expertos internacionais do talle de Ignacio Cirac, experto en comunicación cuántica e Premio Príncipe de Asturias.
En palabras da organización, grazas a esta cita Coruña “converterase no referente da Intelixencia Artificial, da análise da información a gran escala (Big Data) e da computación de alto rendemento (High Performance Computing)”.
O evento, que terá lugar os días 16 e 17 de xuño na Fundación Barrie (Cantón Grande, 9), será un punto de encontro onde emprendedores e investigadores informáticos explicarán como dan vida aos produtos que simplifican e melloran as nosas vidas.
Ademais de Cirac, o Corunna Innovate Summit contará coa presenza de Paco Nathan, un dos maiores expertos en Big Data do mundo, ou o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral.
Tamén haberá espazo para o talento local. Varios membros do grupo de investigación LIDA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) do CITIC da Universidade da Coruña participarán nesta cita. A súa coordinadora, Amparo Alonso Betanzos, abordará nunha conferencia o potencial da Intelixencia Artificial na sustentabilidade, o medio-ambiente, a enerxía e a economía.
O Corunna Innovate Summit está organizado por DataSpartan, consultora tecnolóxica co- fundada en 2015 polo tamén colaborador do grupo LIDA David Martínez, especializada en Intelixencia Artificial e Ciencia de Datos.

PUBLICIDADE