O Consorcio da Zona Franca presenta a súa lanzadeira de empresas innovadoras: VíaVigo

martes, 16 de xullo do 2013 Redacción

O Consorcio da Zona Franca de Vigo presentou este martes unha interesante e ambiciosa iniciativa para dar forma, de xeito eficaz e rendíbel, ás nosas ideas susceptíbeis de converterse en iniciativas innovadoras de mercado. Falamos, polo tanto, dunha aceleradora para emprendedores e empresas, de nome VíaVigo e destinada a acubillar e lanzar proxectos por un período de entre 9 e 12 meses, co engadido de contaren co apoio e seguimento de entidades galegas de longa experiencia innovadora, como Gradiant, AIMEN ou CTAG, todas elas colaboradoras de VíaVigo (entre outras). Por certo que segundo sinalou Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio, a primeira convocatoria ficará aberta até o 15 de setembro, podéndose consultar as bases e realizar a inscrición a través da web específica da aceleradora, viavigo.es.
Segundo engadiu, de entre os proxectos recibidos, o comité de avaliación seleccionará un máximo de 40 para incorporarse á primeira fase do proceso, que pode culminar na dotación de infraestrutura, capital semente, formación e asesoramento especializado. Como dixemos, ViaVigo é unha iniciativa promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a sociedade de capital-risco Vigo Activo, contándose coa colaboración do IGAPE, SOGARPO (Sociedade de Garantía Recíproca de Pontevedra e Ourense), XesGalicia, Concello de Vigo, Concello de Nigrán, ANFACO, AIMEN, CTAG e Gradiant.
Durante a presentación de ViaVigo debulláronse os obxectivos da proposta comezando polo seu nome: evoca un singular episodio da historia cando, a finais do século XIX, a Eastern Telegraph Company elixiu Vigo como cidade base para instalar os primeiros os cables submarinos que comunicarían Europa e América. “Coa mesma vocación de difusión e alcance global baseada na cidade, o Consorcio da Zona Franca promove a primeira convocatoria deste programa de desenvolvemento para emprendedores”, engadiuse. A aceleradora, segundo puidemos saber, ofrece un bo número de recursos e vantaxes para o desenvolvemento das nosas ideas de mercado: trátase dun proxecto aberto a todo tipo de sectores (TIC, industrial, servizos), non ten custes de inscrición e conta co aval da Zona Franca e das restantes entidades participantes no proxecto. En palabras de Pedrosa, diríxese “a persoas creativas, innovadoras, comprometidas, con arela de superación e dispostas a asumir os riscos e esforzos asociados ao emprendemento, con proxectos que poden estar en fase de desenvolvemento ou ser empresas consolidadas, en equipo ou en solitario”.
A primeira convocatoria de VíaVigo ábrese para inscricións do 15 de xullo ao 15 de setembro de 2013. Durante estes dous meses os candidatos poden rexistrarse como usuarios e inscribirse achegando a información que se lles require acerca do seu proxecto, para que o equipo avaliador poida realizar unha primeira escolma. Así, unha vez pechado o prazo da convocatoria, o comité de exame realizará unha primeira avaliación dos proxectos e seleccionará aos 30 mellores. Estes proxectos presentarán a documentación establecida nas bases para esta fase e así poder participar na seguinte, o start-up day, que servirá entre outras cousas para coñecer de preto aos candidatos seleccionados durante dúas xornadas, para poder avalialos de forma directa. Os 20 mellores proxectos continuarán no seguinte treito do camiño, a academia. O obxectivo deste é tentar dar forma e consolidar os aspectos máis críticos dos proxectos para facelos atractivos a investidores. Ou sexa, que se trata de aprender a emprender. Así, durante 6 semanas, os candidatos traballarán a fondo os proxectos co equipo, recibindo os plans de formación que dean resposta ás necesidades de cada un, co apoio dun panel de expertos. O demo day é o evento no que os candidatos expoñen publicamente os seus proxectos para conseguir apoios, como capital semente para pór en marcha a súa empresa. Até 10 proxectos seleccionados tras o demo day accederán á fase de aceleradora. Durante 6 meses, equipo e candidatos traballarán os proxectos no espazo de coworking de Vía Vigo en Porto do Molle (Nigrán). “Todo un traballo conxunto ata que, coas mellores garantías de éxito, os proxectos estean listos para saír ao mercado e presentarse a roldas de investimento”, sinálase dende o Consorcio. Logo, virá o encontro cos investidores en si mesmo: encontros para conseguir financiamento para cadanseu negocio presentándose a importantes empresas, colaboradores e fondos de investimento. Porén, o proceso non remata aí, xa que VíaVigo habilita neste punto a fase de acompañamento, ofrecendo asesoramento, consultoría e difusión aos candidatos e os seus proxectos, “como parte do compromiso do Consorcio da Zona Franca de Vigo co tecido industrial e empresarial do sur de Galicia”, explica a organización.

PUBLICIDADE