O Consorcio Audiovisual achega 80.000 euros para a promoción na Rede de cinema galego

luns, 7 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Por quinto ano consecutivo, o Consorcio Audiovisual de Galicia vén de dar a coñecer as súas axudas para a promoción de obras audiovisuais a través de Internet, e faino achegando un orzamento total de 80.000 euros. Esta medida, que está integrada no Plan de Actividades do Consorcio para este ano, ten –como dixemos- o obxectivo de darlle un novo pulo ós filmes en liña de todos os xeitos en que sexa posible, principalmente colaborando coas firmas responsables daqueles para a posta en marcha de páxinas web. Para o Consorcio (e para a práctica totalidade dos espectadores de hoxe), a Internet xa é a principal canle de promoción de calquera obra audiovisual, até tal punto que de non contar con sitio en liña é moi probable que en materia de publicidade se pechen máis portas das que se abren.
Neste senso, a experiencia da entidade certifica este argumento: até 200.000 visitas recibiron no último lustro as 41 producións que recibiron axudas.
O anuncio da medida relativa a estas achegas vense de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia, estando aberto o prazo de presentación de solicitudes até o 1 de decembro deste ano. Polo que respecta á natureza mesma das axudas, sinalar que o seu importe non poderá superior ó 40% do orzamento declarado, IVE incluído.
Na imaxe, promoción dun filme beneficiado polas subvencións do Consorcio: Gritos en el pasillo, dirixida polo sevillano e galego de adopción, Juanjo Ramírez.

PUBLICIDADE