O Consello da Cultura avaliará as posibilidades do Big Data para estarmos máis informados... ou menos

mércores, 7 de febreiro do 2018 Redacción

O Consello da Cultura Galega vai organizar o vindeiro 15 de marzo un encontro arredor da información a gran escala e as posibilidades de coñecemento e desenvolvemento que se nos abren ante unha xestión optimizada (Big Data) desa información masiva: cousas como coñecer mellor o mercado editorial, impulsar retos científicos até o de agora de difícil resolución, saber a resposta da xente ante un produto ou atender a demandantes de servizos cos servizos que lles son máis devecidos. Sobre estes e outros temas (e tamén sobre o “reverso escuro” das novas canles de datos derivado dun mal uso das mesmas) e sobre as mellores maneiras de tratar o coñecemento masivo tratará a xornada do Consello da Cultura Galega (CCG) A cultura dixital en Galicia: viaxe de ida e volta ao Big Data, á verificación e á mobilidade. A cita ten aberto a día de hoxe o prazo de inscrición a través do web da institución.
Nesta xornada, coordinada por Xosé López, Xosé Ramón Pousa e Rosa Aneiros, preténdese “ofrecer unha visión panorámica do que acontece no panorama do Big Data, coa presentación dalgunhas experiencias, e analízanse vías para aproveitar esa circulación masiva de datos nas iniciativas culturais nos diferentes ámbitos”.
A xornada comeza cun relatorio xeral a cargo de Anaclet Pons, catedrático de Historia Contemporánea da Universitat de València, sobre o Big Data e os novos documentos.
Despois, o catedrático de Comunicación da Universidade Carlos III e da UNED Carlos Elías fala de ruído e información clave na era de sobreabundancia das mensaxes. A sesión da mañá remata cun relatorio sobre a utilidade e os desafíos do emprego de datos no eido da cultura e da ciencia. A visualización do coñecemento masivo e a súa aplicación nos produtos culturais será o tema que trate a xornalista Clara Higuera, que traballa como científica de datos na BBC, e tamén Xaquín González, xornalista e infografista.
A cuestión dos falsas informacións derivadas dun exceso de coñecemento será outro dos temas a avaliar na xornada. Disto falará pola tarde Jesús Miguel Flores Vivar, profesor de Ciberperiodismo e director de Internet Media Lab. da Universidad eComplutense de Madrid. Deseguido, Carmen García Mateo, catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, falará de intelixencia artificial e, entre outras cuestións, da automatización dos contidos.
Despois deste marco xeral, pecha a sesión unha mesa redonda, que centra o foco en Galicia. O director de innovación da Televisión de Galicia, Xosé Pereira, modera unha sesión en que participan María Yáñez, xornalista especialista en estratexias nas redes; Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; e Rubén Bastón, Customer Happiness e director de Elogia.

PUBLICIDADE