O Consello Galego de Enxeñerías xa ten novo presidente: Julio Sánchez Agrelo

martes, 12 de marzo do 2024 S. P.

A renovación de cargos da xunta directiva do Consello Galego de Enxeñerías (CGES) levábase a cabo o pasado mes de febreiro. Na dita asemblea xeral renovouse a presidencia, vicepresidencia, secretaría, vicesecretaría e tamén os cargos de tesoureiro, contador e vogais. Nesta nova etapa, Julio Sánchez Agrelo, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), até agora vicepresidente, asume o cargo de presidente do CGES e a secretaría pasa a mans do responsábel dos enxeñeiros navais, Jorge Dahl de Sobrino.
Por outra banda, o secretario na lexislatura anterior, Pedro Calaza Martínez (do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos), pasa a ser o novo vicepresidente; mentres que o novo decano do Colexio de Industriais, Julio García Cordonié ostentará o cargo de vicesecretario.
Segundo afirmou o novo presidente, “como colectivo, os enxeñeiros estamos chamados a desempeñar un papel fundamental no desenvolvemento e progreso da sociedade, e en Galicia, esta responsabilidade adquire un significado aínda máis profundo”. Así, nesta nova etapa, adquire o compromiso de traballar para promover os intereses da profesión, incidir na formación e o desenvolvemento profesional e colaborar estreitamente con institucións e empresas para impulsar a investigación e a innovación na enxeñería.
Asemade, salientou: “A importancia de seguir traballando en estreita colaboración con outras disciplinas e sectores, recoñecendo que moitos dos desafíos aos que nos enfrontamos son multidisciplinarios e transversais e requiren solucións integrai”; comprometéndose tamén a promover a colaboración e o intercambio de coñecementos entre os diferentes eidos da enxeñería.
O CGES está formado por colexios profesionais de enxeñerías reguladas, unha asociación que naceu no 2016 co obxectivo de promover a coordinación e buscar sinerxías entre as diferentes ramas da enxeñería, así como converterse en voz única ante administracións públicas, entidades e institucións radicadas en Galicia. Agrupa aos colexios profesionais de Galicia de: Enxeñeiros Agrónomos, de Camiños, Canles e Portos, Enxeñeiros ICAI, Industriais, Minas, Montes, Navais e Oceánicos e de Telecomunicación.

PUBLICIDADE