O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual adáptase á nova estrutura da Xunta

venres, 31 de xullo do 2009 Redacción

O Consello da Xunta aprobou unha serie de modificacións do decreto que regula a composición e as funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual para adaptalo ao novo organigrama do Goberno, de xeito que xa non dependerá da desaparecida Secretaría Xeral de Comunicación para adscribirse «sen prexuízo da súa independencia funcional, ao departamento competente en materia de medios de comunicación social, telecomunicacións e audiovisual».
Polo miúdo, nas funcións do Consello introducen unha alusión á coordinación coa Secretaría Xeral de Medios; no tocante á súa composición, aparte de que a súa presidencia recaerá no presidente da Xunta, as 3 vicepresidencias recaerán nos titulares do departamentos competente en materia de medios de comunicación e audiovisual, TIC e Cultura. Cada departamento da Xunta de Galicia contará cunha vogalía, agás o departamento con competencia en materia de medios de comunicación audiovisual que terá 3 e os departamentos de Cultura, Modernización Tecnolóxica e Protección Civil, que terán 2 cada un.
Non falta unha referencia expresa para que o organismo tente «acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes» por recomendación do Servizo Galego de Igualdade.

PUBLICIDADE